O Concello de Poio fai balance do programa “Xantar na Casa”, un servizo destinado a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e daquelas veciñas e veciños que, por motivos de saúde, dependencia ou dificultades de mobilidade, teñen problemas para preparar a súa comida diaria.
Ao longo do ano 2025, o programa permitiu repartir arredor de 1.500 menús a domicilio no municipio, beneficiando a unha decena de persoas usuarias. Este servizo garante que as persoas participantes dispoñan dunha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades, ao tempo que favorece que poidan continuar vivindo nos seus fogares con maior autonomía.
Desde o Concello de Poio sublíñase a importancia deste programa social, que contribúe a mellorar o benestar das persoas maiores e a reforzar a atención ás persoas máis vulnerables, ademais de ofrecer un apoio fundamental ás familias.
O servizo “Xantar na Casa”, desenvólvese a través dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, e inclúe a entrega periódica de menús variados e supervisados desde o punto de vista nutricional directamente no domicilio das persoas usuarias.
As persoas interesadas en obter máis información sobre este programa poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio, situado no Pazo Besada.