O Concello de Poio reforzará os servizos municipais con 23 novos contratos

18/02/2026

Realizaranse a través do plan Máis Provincia para mellorar atención social, limpeza, turismo, cultura e mantemento de espazos públicos. A preselección farase a través da Oficina de Emprego, polo que os aspirantes deberán darse de alta nas categorías profesionais que se van contratar.

O Concello de Poio contratará a 23 persoas en situación de desemprego a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Unhas incorporacións que permitirán reforzar diferentes departamentos e servizos municipais que precisan máis persoal ou que realizan traballos estacionais, pero ademais, tamén se lle dará unha oportunidade laboral a veciñas e veciños que están na procura de emprego.

A través deste plan de emprego, contrataranse dous traballadores de ciclo superior de Turismo para reforzar as tarefas de información, guía e asistencia.

Para revalorizar os espazos públicos e protección do medio ambiente, contrataranse dez persoas. Cinco operarios para servizos múltiples (praias e obra pública) ocuparanse de adecentar e manter espazos públicos, desenvolver tarefas de rehabilitación e desbroce de roteiros municipais, limpeza e desbroce de camiños e sendeiros e limpeza e mantemento de praias. A maiores, incorporaranse tres condutores e dous electricistas, neste caso para controlar a adecuada utilización dos puntos de luz, substituír sistemas e graduar a intensidade nas distintas franxas horarias, entre outras tarefas.

O persoal de limpeza reforzarase con catro contratacións, mentres que se incorporarán tres conserxes para mellorar o funcionamento e a limpeza dos centros de traballo e das instalacións deportivas municipais.

No ámbito dos servizos sociais, contrataranse unha auxiliar de clínica e un traballador social para fortalecer a atención nun departamento que presta servizo a un elevado número de persoas usuarias no municipio.

Pola súa banda, o servizo municipal de Cultura contará cun animador ou animadora sociocultural, co fin de reforzar e mellorar unha programación cultural e lúdica que cada ano rexistra unha ampla participación.

Finalmente, incorporarase un operario-coidador para a canceira municipal, un servizo xestionado polo Concello en colaboración cunha asociación de voluntariado.

As persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes nas categorías profesionais requiridas. A preselección das persoas aspirantes será realizada pola Oficina de Emprego.

AVANZA O PROCESO DE SELECCIÓN DE CATORCE PRAZAS INCLUÍDAS NA CONVOCATORIA DE EMPREGO PÚBLICO

Por outra banda, o Concello de Poio ten actualmente en marcha unha convocatoria de emprego público, na que participan preto de 200 persoas para optar a unha das catorce prazas que se inclúen na oferta. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, xa están publicadas no taboleiro de anuncios da web municipal as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo. Unha vez resoltas as alegacións, farase pública a listaxe definitiva, xunto coa data de constitución do tribunal, que será o encargado de fixar o calendario das probas selectivas. A previsión municipal é que todo o proceso selectivo quede resolto ao longo do terceiro trimestre do ano, permitindo así a incorporación progresiva do novo persoal ás distintas áreas municipais.

O obxectivo desta convocatoria é reforzar os servizos públicos e mellorar a atención á veciñanza, incorporando persoal en áreas clave do funcionamento diario do concello, como a atención social, as brigadas municipais ou na área de deportes. En concreto, as prazas ofertadas corresponden a dúas prazas de traballador/a social, cinco auxiliares de limpeza, tres operarios de servizos, un oficial de albanel e, dous axudantes de deportes e un monitor deportivo.

Todas as prazas cubriranse mediante o sistema de concurso-oposición. A fase de concurso terá carácter non eliminatorio e desenvolverase conforme á normativa vixente, mentres que a fase de oposición permitirá avaliar os coñecementos e capacidades das persoas aspirantes para o desempeño dos postos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio