O xoves, 26 de marzo, no Casal de Ferreirós e contará coa participación da matrona Begoña Lorenzo, o farmacéutico Mauro Carlos Carrillo, a nutricionista Carolina Santos e o adestrador persoal José Antero.
O Concello de Poio pon en marcha o faladoiro “Rompendo tabús: claves para abordar a menopausia con naturalidade”, na que intervirán profesionais que, segundo explica a concelleira de Saúde, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, axudarán a visibilizar esta etapa biolóxica como algo normal e non como unha enfermidade, compartindo información, apoio e asesoramento para xestionar os síntomas físicos e emocionais, fomentando a empatía social e eliminando estigmas.
A sesión desenvolverase o xoves, 26 de marzo, no Casal de Ferreirós ás 19.00 horas, e non é necesaria inscrición previa. Contará coa participación da matrona do Centro de Saúde de Anafáns, Begoña Lorenzo, do farmacéutico de Campelo, Mauro Carlos Carrillo, da nutricionista Carolina Santos e do adestrador persoal José Antero, para abordar cuestións relacionadas coa menopausia en cada un dos seus campos profesionais.
Tamara González anima á veciñanza a participar nesta iniciativa, xa que supón unha oportunidade para coñecer entender a menopausia sen tabús, con indicacións prácticas para mellorar a súa calidade de vida e, sobre todo, para poder resolver todas as dúbidas que poidan xurdir ao respecto desta etapa.