A XGL aprobou esta semana as bases. As inscricións poderanse realizar a partir do luns 19 de maio.
O Concello de Poio volve apostar por facilitar a conciliación das familias durante os meses de verán a través dos Espazos Concilia, un programa municipal que se vai organizar nos colexios de Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó) entre xullo e setembro. Unha aposta “moi potente” que inclúe 240 prazas cada quincena durante os meses de xullo e de agosto, e 50 na semana previa ao inicio do curso escolar. En total, máis de 1.000 prazas en todo o verán para ofrecer aos máis pequenos horas de diversión, disfrute e lecer durante as súas vacacións escolares, ao mesmo tempo que se asegura que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral, familiar e persoal.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana as bases do programa, no que poderán participar nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2021, ambos inclusive. Cada participante poderá inscribirse en tantas quendas como desexe e, como mínimo, poderá anotarse quince días nos meses de xullo e agosto ou a semana de setembro completa.
No colexio de Viñas ofreceranse 45 prazas por quincenas nos meses de xullo e de agosto, e 50 en setembro, mentres que en Espedregada serán 45 por quincena en xullo e agosto e, por último, en Isidora Riestra serán 150 prazas por quincena nos dous meses. As ludotecas desenvolveranse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas. Ademais, tamén se organizarán actividades os sábado 19 de xullo e 9 de agosto no mesmo horario. Con respecto ás tarifas do Espazo Concilia, cada quincena terá un custe de 17 euros por usuario, que deberá abonar 10 euros pola semana de setembro.
As inscricións abriranse a mediados do mes de maio, o luns 19 ás 9.00 horas, tanto a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no habilitado no Pazo Besada para este fin, así como a través da sede electrónica do Concello de Poio. En caso de haber máis solicitudes que prazas, adxudicaranse segundo baremo, no que se terá en conta a situación laboral e sociofamiliar. Só en caso de empate na puntuación, terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada no rexistro. As bases completas do Espazo Concilia poderanse consultar proximamente na web concellopoio.gal.