O Concello de Poio mellora o parque infantil de Raxó dentro do plan de mantemento municipal

10/03/2026

As actuacións inclúen a reparación e substitución de elementos de xogo, a mellora do chan e do valado e unha nova iluminación para reforzar a seguridade da área. Ademais, avanzan as obras da pista polideportiva de Vilariño e nas próximas semanas iniciarase a reforma integral da área de xogo de Lourido.

O Concello de Poio avanza no plan de mantemento e mellora dos parques infantís do municipio. Nesta ocasión a actuación céntranse na área de xogo situada na rúa Ramón Encinas, en Raxó.

Os traballos inclúen a reparación, substitución e pintado dos elementos de xogo que se atopaban en mal estado, co obxectivo de cumprir coa normativa vixente en materia de seguridade nos parques infantís. Ademais, mellorarase tamén o chan da área. A actuación contempla igualmente a retirada dos catro farois que se atopaban no interior do parque e que non cumprían coa normativa actual. No seu lugar instalaranse focos de luz, o que permitirá mellorar a visibilidade, a seguridade e a comodidade das persoas usuarias.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou o parque para comprobar o avance das actuacións e destacou a importancia de contar con espazos de lecer seguros e accesibles para a poboación máis nova. “Poio ten unha poboación infantil importante; cada tres meses estamos repartindo entre quince e vinte caixas de benvida polos novos nacementos. Por iso é fundamental investir e coidar os espazos destinados para eles e para as súas familias”, sinalou.

Nesta liña, Moldes subliñou que o obxectivo do Goberno local é “ofrecer espazos de ocio seguros preto dos fogares, promovendo unha vila máis cómoda e familiar”.

Este plan municipal de mantemento e remodelación das áreas de xogo incluíu tamén actuacións nos parques infantís de Anafáns, Combarro, Chancelas, Ánkar e A Seca.

Ademais, continúan avanzando as obras da nova pista multideportiva de Vilariño e, nas próximas semanas, comezará a renovación integral do parque infantil de Lourido.

“Temos moi presente a importancia de impulsar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias, convertendo Poio nun lugar moderno, atractivo e con oportunidades”, concluíu o alcalde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio