O Concello de Poio lanza un curso gratuíto para obter o título da ESO e mellorar o acceso ao emprego

07/11/2025

Dirixido a persoas adultas sen titulación e en situación de desemprego, busca ofrecer ferramentas reais para mellorar a súa situación profesional. As clases impartiranse de forma presencial na Reiboa os luns pola mañá, ofrecendo así unha opción flexible para que o alumnado poida organizar o seu tempo segundo as súas necesidades.

O Concello de Poio abriu o prazo de inscrición para un novo programa formativo que axudará ás persoas adultas a preparar as probas para obter o Graduado en ESO ou as Competencias Clave. O curso, totalmente gratuíto, busca ofrecer ferramentas reais para mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento persoal das persoas participantes.

Esta formación está dirixida a aquelas persoas que desexen mellorar as súas habilidades básicas e incrementar as súas oportunidades de inserción laboral, a través da obtención dunha titulación oficial. O programa abrangue áreas fundamentais como a comprensión e expresión en lingua castelá, matemáticas, informática básica e habilidades sociais, que constitúen a base do desenvolvemento académico e profesional.

A concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, subliña que é unha oportunidade para acceder a mellores condicións laborais, xa que obter o título de ESO sendo adultos supón abrir portas a novos empregos. “Obter a ESO permite actualizar a formación de quen contaba co título da EGB. É importante a nivel laboral, pero tamén para o crecemento persoal”. Neste senso, recorda que este é o requisito académico mínimo para a maioría dos empregos, tanto no sector público como privado.

As clases impartiranse de forma presencial os luns pola mañá na aula da Reiboa, ofrecendo así unha opción flexible para que o alumnado poida organizar o seu tempo segundo as súas necesidades. O curso contará con profesorado altamente cualificado, con ampla experiencia na formación de persoas adultas, e empregará unha metodoloxía dinámica, participativa e personalizada, que garanta o acompañamento e éxito de cada participante.

A formación desenvolverase en colaboración coa Asociación Rexurdir, e será totalmente gratuíta. O curso ten como finalidade preparar ao alumnado para obter o título de ESO, requisito fundamental para acceder a numerosos postos de traballo e continuar itinerarios formativos máis avanzados.

As persoas interesadas en participar ou en recibir máis información poden poñerse en contacto coa orientadora laboral do Concello de Poio, que ofrecerá asesoramento e apoio durante o proceso de inscrición. O inicio do curso é inmediato e as prazas son limitadas.

IMPULSO Á FORMACIÓN

Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta do Concello de Poio pola formación e mellora das competencias profesionais, especialmente das persoas que se atopan en situación de desemprego.

Nos últimos dous anos, o Concello ten impulsado diferentes programas formativos e de inserción laboral, todos eles gratuítos, co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades e mellorar a empregabilidade da veciñanza. Estas accións buscan ofrecer ferramentas reais para que as persoas participantes poidan acceder a un posto de traballo ou mellorar a súa situación profesional, contribuíndo así ao desenvolvemento social e económico do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio