O Concello de Poio inicia un plan de mantemento dos colexios durante o verán, cun investimento de máis de 75.000 euros

11/08/2025

Para o Goberno local a mellora dos centros de ensino é unha prioridade, e por iso están en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen.

O Concello de Poio inicia un plan de mantemento dos colexios durante os verán, co obxectivo de que no regreso ás aulas en setembro o alumnado atope os colexios nas mellores condicións posibles.

No plan, que conta cun investimento que supera os 75.000 euros, inclúense obras en todos os centros de primaria e infantil, incluíndo traballos de carpintería, fontanería, pintura, pavimentado ou mellora da seguridade. Ademais, realizaranse revisións de enchufes, iluminación e pantallas, así como traballos de electricidade, fontanería, e outras obras e reparacións menores, entre as que se inclúen persianas, portas, mobiliarios, bancos, etc.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, indica que “para o Goberno local o mantemento dos centros escolares é unha prioridade, e por iso estamos en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen”. Si ben as labores de mantemento se van facendo ao longo de todo ano, segundo van xurdindo incidencias ou necesidades, os traballos máis importantes execútanse aproveitando as vacacións escolares para evitar incomodidades durante o transcurso das clases.

Deste xeito, no colexio de Lourido, o plan de mantemento inclúe instalación de tarima na biblioteca do centro, ampliación do parque e melloras na zona infantil, así como reposición de portas en mal estado e pintado interior e exterior.

En Raxó, acondicionarase a zona da radio coa apertura dunha ventá con cristal acústico, mellorarase o illamento da aula e pintado de paredes. Ademais, coa colaboración da Xunta, renovarase o parque infantil do centro.

No colexio do Bao, abrirase unha porta exterior para comunicar directamente o centro co parque infantil e mellorar así a seguridade do alumnado, e instalarase unha pasarela e escaleiras de madeira.

En Chancelas, en colaboración coa Xunta de Galicia estanse reformando os baños do profesorado e asfaltarase a pista de xogos infantil.

No CEIP de Viñas, mellorarase a aula de 5 anos, con pintando e instalación de tarifa flotante, igual que na biblioteca do centro, onde tamén se abrirá unha porta de acceso nova. Ademais, repararanse o aseo da planta baixa así como os danos estruturais da fachada do edificio.

Por último, no colexio Isidora Riestra instalarase tarima flotante na aula de infantil, repararase o peche do patio exterior e adaptarase o baixo da escaleira para crear un espazo de lectura.

Xunto ás obras de mantemento, na posta a punto para o inicio do novo curso escolar tamén se inclúe unha limpeza xeral de cada un dos colexios, o acondicionamento dos anexos e a limpeza dos xardíns e patios.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio