O CONCELLO DE POIO INCLUIRÁ NO PLENO DE SETEMBRO O ACORDO PARA CREAR UN ENTE SUPRAMUNICIPAL DE XESTIÓN DA AUGA

12/01/2024

2023.

O Concello de Poio incluirá na sesión ordinaria do pleno de setembro, que se realizará o próximo martes, o acordo para iniciar os trámites necesarios para crear un ente supramunicipal de xestión de auga e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas. A creación deste organismo asegurará a cogobernanza de todos os concellos, para autorizar e fixar as condicións das captacións dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen estes concellos. Ademais, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, é un dos compromisos adquiridos polos concellos con Augas de Galicia nas últimas reunións celebradas en xullo.

Agora mesmo hai unha situación de alegalidade que é urxente solucionar para regularizar e establecer a cantidade de auga que lle corresponde a cada municipio. Cuestións fundamentais non só para garantir o subministro e incluso coñecer o consumo nos diferentes concellos, senón tamén para cuestións fundamentais como os eventuais episodios de escaseza de auga ou, incluso, á hora de tramitar modificacións urbanísticas, o que prexudica ao desenvolvemento do propio concello.

Estas circunstancias, explica o alcalde, fan urxente a creación dun ente que permita a cogobernanza de todos os concellos no sistema de abastecemento. Ademais, recorda que a Lei de Augas estatal e o Regulamento do dominio público hidráulico establecen que cando existen varios usuarios que toman auga dunha mesma captación, como é o caso, é obrigado a constitución dunha comunidade de usuarios que garanta a cogobernanza de todos os membros. Pero, ademais, é algo para o que os concellos se comprometeron xa no ano 1983, cando se tramitou o expediente das obras da potabilizadora. “Estamos falando dun servizo público esencial, temos o compromiso de todos os concellos e o apoio de Augas de Galicia, e por iso é fundamental que quede resolto coa máxima celeridade posible”.

Ademais, o acordo que se levará ao pleno tamén inclúe solicitar a concesión dun caudal de 1.000 litros por segundo, sendo as fontes de captación de auga o río Lérez e o rego de Rons dende o encoro de Pontillón de Castro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio