A actuación será financiada a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra e permitirá ampliar a oferta deportiva municipal cunha instalación de referencia na comarca. Ángel Moldes: “Estamos a consolidar Poio como un referente deportivo na comarca e na provincia, cunha estratexia clara de apoio ao deporte e aos nosos clubs, que son un orgullo para todos os veciños”.
O Concello de Poio vén de anunciar un proxecto ambicioso para a creación dunha nova pista de atletismo de seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol da Reiboa. A iniciativa, que contará cun investimento total de 183.984,96 euros, será financiada con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
A nova infraestrutura permitirá responder á crecente demanda da veciñanza e dos clubs locais, así como ampliar e diversificar a oferta deportiva municipal, dotando á contorna da Seca dunha instalación moderna, versátil e preparada para o adestramento e competición de atletas de toda a comarca.
O proxecto contempla traballos de demolicións e movementos de terras, a instalación dun sistema de drenaxe mediante canaletas de recollida de pluviais, así como a pavimentación, marcaxe e sinalización correspondentes segundo as normas de homologación deportiva. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o obxectivo é completar unha primeira que permita o uso deportivo da pista en condicións óptimas á espera de completar a actuación cun pavimento de tartán que permita acadar a homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) conforme aos estándares da World Athletics.
O alcalde destaca que “a aposta deste Goberno polo deporte e polas infraestruturas modernas e de calidade é unha realidade palpable. Queremos que Poio dispoña dunha pista de atletismo á altura dos seus deportistas e do potencial que ten o noso municipio”.
Moldes tamén salienta o traballo constante desenvolto nos últimos dous anos para mellorar e modernizar as instalacións deportivas municipais: “melloramos as condicións do ximnasio municipal, renovamos os vestiarios dos campos de fútbol, construímos unha pump track, substituímos a cuberta da nave de piragüismo e actualmente estamos a executar unha nova pista multideporte en Vilariño. Estamos dando resposta a reclamacións históricas e moi necesarias”.
Neste senso, subliña ademais que estas actuacións reforzan o compromiso do Concello de Poio co deporte base e coa organización de eventos deportivos de primeiro nivel, que atraen cada vez máis participantes e visitantes ao municipio. “Estamos a consolidar Poio como un referente deportivo na comarca e na provincia, cunha estratexia clara de apoio ao deporte e aos nosos clubs, que son un orgullo para todos os veciños”, conclúe.