O Concello de Poio forma á rapazada do municipio como Pequeguías Turísticos para “descubrir, contar e coidar os nosos tesouros”

19/06/2025

Tras ser recibidos polo alcalde, o alumnado de Infantil e Primaria deron a benvida aos peregrinos que chegaron á Casa do Concello esta mañá, coñeceron máis sobre o patrimonio municipal e despregaron unha espectacular “Coca” de papel confeccionada por eles como exemplo das lendas do Camiño.

Poio conta desde esta semana cuns axudantes moi especiais na información turística: son os “Pequeguías”, guías honoríficos de Turismo que despois de dous días de formación xa están preparados para “descubrir, contar e coidar” os tesouros do municipio. É o alumnado do CEIP Isidora Riestra, que participou nunha iniciativa novidosa do Concello de Poio destinada aos os máis pequenos.

Esta mañá toda a rapazada do CEIP, 170 nenas e nenos, desprazáronse ata a contorna da Casa do Concello, onde foron recibidos polo alcalde, Ángel Moldes. Alí atenderon persoalmente aos peregrinos que fan as variantes do Xacobeo e coñeceron máis sobre o patrimonio municipal, como o Mosteiro de Poio.

Axudados polo profesorado do CEIP e os traballadores municipais, os alumnos a alumnas deron a benvida aos peregrinos con auga e froita, selaron Compostelás, deron indicacións e se interesaron polo lugar de orixe, entre outros aspectos. Ademais, despregaron para os presentes unha espectacular “Coca” de papel confeccionada por eles como exemplo das lendas do Camiño.

O alcalde, Ángel Moldes, salientou que “Poio é un concello acolledor, e esta iniciativa tan interesante é unha oportunidade para involucrar tamén aos máis pequenos, para que coñezan e contribúan a difundir todos eses espazos e lugares máxicos e únicos que temos no noso municipio”.

Nesta liña, agradeceu a iniciativa do centro escolar, “esta actividade teórico e práctica nace da súa proposta, dun equipo e dun alumnado involucrado e comprometido coa súa contorna e, polo tanto, estas colaboracións son sempre un éxito e un acerto. Poio está no seu mellor momento, cada vez hai máis persoas que se achegan para disfrutar da nosa contorna, dos nosos espazos e de todos os nosos recursos, e a información que se ofrece é fundamental”. Por iso, sinalou que o papel que van ter estes PequeGuías vai ser moi importante “nas súas casas e coas súas amizades, pero tamén na rúa para explicar e aclarar a calquera visitante toda a riqueza e as marabillas que pode atopar en Poio”.

A actividade xa comezou este mércores, cando os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria superaron unha xornada de formación teórica impartida pola técnico municipal de Turismo, Mónica Neira. Durante a clase, a rapazada recibiu coñecementos básicos sobre o fenómeno do turismo e adquiriu coñecementos sobre os recursos turísticos existentes en Poio, adaptados á súa idade. Así, aprenderon sobre turismo cultural e patrimonial, natural, gastronómico ou deportivo, con información sobre as Variantes do Camiño de Santiago que atravesan o municipio, e datos interesantes sobre o Mosteiro, o Casco Histórico de Combarro, a Illa de Tambo, sendas, roteiros, praias e áreas recreativas, así como elementos como os Maios, a gastronomía e a cultura propia.

Ao remate, e despois de comprobar os coñecementos adquiridos, as concelleiras de Educación, Natalia Sabarís, e Turismo, Rocío Cochón, acompañadas do persoal docente de cada curso, entregáronlles a credencial e unha chapa que os identifica como “Pequeguías” turísticos. Natalia Sabarís e Rocío Cochón agradeceron a alumnado e profesorado o traballo que xa levan meses facendo, dando indicacións e animando aos peregrinos que atravesan o municipio a poucos metros do Centro Escolar. Declaráronse moi felices por “poder incorporar a tantos pequeguías cos coñecementos para recomendar e explicar as marabillas que teñen á súa disposición” e recordáronlles a responsabilidade de fomentar un turismo “sustentable e responsable”, respectando os lugares que visiten como turistas pero tamén axudando a coidar e preservar o patrimonio de Poio.

Pola súa banda, a directora do centro, Leticia Esperón, explicou que o colexio traballa co proxecto educativo “Unha escola no camiño” e ademais da actividade destes dous días, tamén incluíu outras iniciativas como atender aos peregrinos que transcorren ao carón do colexio ou a revisión de toda a sinalización do camiño, con propostas de mellora que se enviaron ao concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio