O Concello de Poio fai unha valoración “excelente” do San Xoán, “unha celebración participativa que involucrou a toda a cidadanía”

01/07/2024

Ángel Moldes agradece a labor dos traballadores municipais, “que se involucraron na organización e no desenvolvemento da festa”, así como a Protección Civil, Garda Civil, empresa de seguridade e servizos sanitarios “por garantir que as festas transcorresen con total normalidade”.

O Concello de Poio fai unha valoración “excelente” das festas de San Xoán, “unha celebración moi participativa, que contou cunha programación pensada para todos os públicos e para todas as idades, con verbenas de moita calidade, actividades infantís e que foi itinerante por diferentes lugares do municipio para involucrar a toda a veciñanza”, sinala o alcalde, Ángel Moldes, que recorda que, ademais da Seca, a festa tamén recuperou a verbena no campillo do Mosteiro e actuacións nas prazas de Liñares e Arís con gran asistencia de público.

“Esta foi a primeira festa de San Xoán organizada integramente por este Goberno e creo que estivemos á altura do que quería a veciñanza de Poio, unhas festas participativas, que involucrase e contase con todos e, sobre todo, de calidade”, sinala. Unhas festas que chegaron onte ao seu fin coa festa infantil de San Xoán, que se organizou por segundo ano consecutivo e que volveu reunir na Seca a moitas familias para gozar de inchables, animación musical e festa da escuma.

Asemade, Moldes subliña que foron “unhas festas seguras, sen incidencias de importancia ningún dos seis días de celebración. Unhas festas nas que se volcaron veciños e visitantes, cunha participación moi importante en todas e cada unha das actividades organizadas”.

Así, pon de exemplo que desde a lectura do pregón e a entrega dos Premios do Deporte, ata as sardiñadas, acendido da cacharela, actuacións musicais, fogos de lucería, actos litúrxicos e festa infantil, foron miles as persoas que gozaron desta edición do San Xoán. Nesta liña, o alcalde agradeceu a labor dos traballadores municipais, “que se involucraron na organización e no desenvolvemento da festa”, así como a Protección Civil, Garda Civil, empresa de seguridade e servizos sanitarios “por garantir que as festas transcorresen con total normalidade”.

Tamén agradeceu, de novo, a particulares e empresas a súa colaboración, que permitiu habilitar ata nove aparcamentos disuasorios gratuítos na contorna da festa para reforzar este servizo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio