O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantiveron esta semana unha reunión cos facultativos do Consultorio de Raxó e con colectivos veciñais para coordinar a próxima remodelación integral deste centro de saúde. Un encontro que tivo como obxectivo escoitar as achegas dos profesionais sanitarios e do tecido asociativo local, de cara a garantir que as actuacións se adapten ás necesidades reais do servizo e da veciñanza.
As obras están previstas para este verán e permitirán unha mellora significativa tanto na confortabilidade como na accesibilidade do edificio. A intervención inclúe a reorganización dos espazos interiores, con consultas máis amplas, accesos máis funcionais, así como a creación de espazos máis cómodos que favorezan unha atención sanitaria de maior calidade. Ademais, o proxecto contempla actuacións para a impermeabilización e o illamento do inmoble, co fin de poñer fin aos problemas de humidades que viña sufrindo o centro.
Desde o Concello de Poio e o Sergas destacaron a importancia de traballar da man dos profesionais médicos, que coñecen de primeira man as necesidades e limitacións actuais do consultorio, así como dos principais colectivos locais: a Confraría de Pescadores de Raxó, a SCD Raxó e a Asociación de Veciños A Laxe de Raxó.
Esta remodelación supón un paso adiante na mellora dos servizos sanitarios da parroquia, e ofrecerá unha atención sanitaria máis accesible e adaptada ás demandas da cidadanía.