As persoas que queiran solicitar unha bandeira poden facelo no enderezo electrónico cultura@concellopoio.gal
O Concello de Poio conmemora o Día de Galicia no Pereiro, o xoves 25 de xullo, cun acto institucional no que, ademais, se fará por primeira vez un recoñecemento a persoeiros e entidades vencelladas ao mundo da cultura.
Seguindo cos cambios introducidos o ano pasado, o lugar escollido nesta ocasión é O Pereiro, para deste xeito dar protagonismo ás zonas máis rurais do municipio. O acto comezara ás 12.00 horas, e incluirá, ademais, as actuacións musicais de Vides Novas e da Asociación de Acordeóns de Campelo, así como o reparto de bandeiras e agasallo conmemorativo ás novas entidades inscritas no rexistro municipal de asociacións, así como ás persoas que o solicitaron previamente no enderezo electrónico cultura@concellopoio.gal.
Como principal novidade este ano, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, inclúese a primeira homenaxe do Concello de Poio a persoeiros e entidades, un recoñecemento á traxectoria e entrega de premios á Entidade Cultural, Ateneo Corredoira de Combarro; Música Tradicional: Vides Novas; e Música Popular: Escola de Acordeóns de Campelo. A intención é, engade, recoñecer cada 25 de xullo a labor de diferentes entidades e persoas. “A pesar da importante actividade e tecido asociativo que hai no noso municipio, Poio nunha recoñeceu nin fixo unha mención especial a todas esas entidades que traballan en prol da tradición e identidade galegas”, subliña. Por iso, entende que é momento de “facer xustiza e cumprir tamén con todas esas persoas, que de xeito totalmente desinteresado contribúen a promover, difundir e conservar a nosa cultura e encher de vida o noso concello”.
A entrega destes premios estará acompañada da exposición “Son Poio, Son cultural local”, unha mostra fotográfica, con imaxes da traxectoria e actividade dos premiados.
A Agrupación folclórica Vides Novas participa na recuperación das tradicións galegas. Comezou impartindo clases de pandeireta, gaita e baile tradicional e continuou formando diversos grupos e artistas que con pasarrúas e animación (banda de gaitas, batukada…) desenvolven a súa actividade principalmente nas festas patronais e outras actividades de carácter cultural.
A Escola de Acordeóns de Campelo está composta por 15 compoñentes que interpretan cancións do repertorio tradicional popular (pasadobres, xotas, muiñeiras,..), de maneira participativa co público asistente. A súa actividade céntrase na formación (clases de acordeón para persoas adultos e cativada) e na participación en eventos culturais locais e comarcais (Teatro Principal de Pontevedra..) e incluso noutras cidades fóra de Galicia (Burgos..) con concertos didácticos para a cativada.
O Ateneo Corredoira de Combarro é unha asociación cultural de referencia na localidade. Na actualidade mantén activo un Servizo de Biblioteca e Sala de Lectura e traballa intensamente na recuperación de Festas Tradicionais (Magosto, Entroido…) e na programación anual da Semana Cultural de Combarro que se celebra en agosto.