2023.
O Concello de Poio deu a coñecer este martes o contido da programación das Festas de San Xoán, que, como xa é habitual, terán lugar entre os días 22 e 26 de xuño. Trátase dunha cita de referencia dentro da bisbarra de Pontevedra, que, un ano máis, contará cun gran número de actividades, entre as que destacan a tradicional sardiñada, o prendido da fogueira na noite máxica do 23 ao 24, a lectura do pregón e as verbenas, sen esquecer os actos relixiosos. O inicio dos festexos terá lugar o xoves 22, ás 20.30 horas, coa interpretación do Himno de Galicia e a Danza de San Xoán, na que a comitiva participante percorrerá toda a rúa Fernández de la Mora ata chegar á Praza do Mosteiro.
Unha vez na Praza do Mosteiro, ás 21.00 horas, procederase á lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do historiador, guionista e escritor Rodrigo Cota, que garda un estreito vínculo co municipio e que é un dos grandes defensores da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón. Nesta xornada tamén haberá a tradicional degustación de rosca e viño, amenizada coa actuación de Nelson Quinteiro e a Asociación Cultural Máis Cantos, xunto a unha charanga tradicional. Tampouco faltará a entrega de premios do Concurso de Carteis de San Xoán. Nesta edición, o deseño elixido para ser a imaxe oficial dos festexos foi o realizado pola alumna do IES Carolina Cancela Corbacho. O resto de gañadoras e gañadores foron na categoría A (5-8 anos) Valeria Freire Estévez, veciña de Raxó e alumna do CEIP Chancelas. Na B (9-11 anos) a mellor obra correspondeu á de Inés Vázquez Portela, de Sameira e estudante tamén no CEIP Chancelas. Por último, no grupo C (12-13 anos) o cartel elixido foi o elaborado por Yohel Cappellino Outeda, veciño de Combarro e alumno do CEIP Espedregada. O cartel gañador do concurso correspondía á última categoría, a D, para rapaces e rapazadas de idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos.
Xa o venres 23, ademais das alboradas matutinas que se prolongarán ata o luns, desde as 18.00 horas desenvolverase outra das citas emblemáticas das Festas de San Xoán, como é a recollida de herbas de San Xoán, organizada pola Asociación Cultural Ronsel. A esa hora está prevista a saída desde o local social de Sartal, coa participación das Pandeireteiras do Ronsel. A partires das 21.30, a explanada da Seca acollerá a sardiñada, con prezos populares, que precederá á primeira das verbenas da programación, a cargo da Orquestra Marbella. Ás 23.30 iniciarase o espectáculo de lume previo ao prendido da gran cacharela, para espantar os malos espíritos.
O sábado 24, día do patrón, haberá ás 12.00 horas unha misa solemne na honra de San Xoán Bautista, coa actuación da Coral Virxe da Renda, seguida dun concerto a cargo da Banda de Música de Cabral. Pola noite chegarán as actuacións das orquestras Gran Parada e Ritmo Joven. O domingo 25 os actos relixiosos serán na honra de Santa Trahamunda, desde as 12.00 horas coa actuación da Coral de Poio. Ás 13.00 horas realizarase a Subida a San Martiño, coa compaña do grupo folclórico Vides Novas. Tamén actuará a Banda de Música de Arcade. No serán, ás 20.00 horas celebrarase un concerto a cargo da Escola de Acordeóns en San Martiño, mentres que pola noite, desde as 21.30 horas, haberá unha gran verbena na Seca con Panamá e o Combo Dominicano.
Por último, o luns 26 a misa solemne do mediodía será na honra de San Fructuoso, coa Coral Virxe de Fátima, e posterior concerto da Banda de Música de Vilaboa. A Escola de Acordeóns repetirá actuación ás 20.00 horas, esta vez no Pereiro, e a última verbena nocturna da programación correrá a cargo de Olympus e Os Satélites. A gran tirada de fogos de luz porá o broche de ouro ás Festas de San Xoán.
O Concello de Poio lembra, asemade, que este xoves 8 de xuño abrirase o prazo para a comunicación das grelladas para locais de hostalería, así como para cacharelas en espazos privados ou públicos na noite de San Xoán. O período permanecerá aberto ata o mércores 21 inclusive. No caso das solicitudes para a festividade de San Pedro, deberán presentarse entre os días 22 e 26 de xuño, ambos incluídos. As tramitacións realizaranse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello, operativa as 24 horas do día. No seu defecto, tamén será posible facelo mediante instancia presentada de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello.