As asociacións e entidades locais poderán solicitar tamén actuacións de verbena galega, teatro ou audiovisual para os eventos e festas locais que organicen.
O Concello de Poio amplía o catálogo e o orzamento do programa Máis Cultura, que facilita as actuacións de grupos locais nas festas patronais e noutras actividades ou eventos organizados por colectivos ao longo do ano, como claro apoio ao tecido cultural e veciñal do municipio.
O novo catálogo, que foi aprobado na Xunta de Goberno Local, engade como novidades incorporar as categorías música de verbena galega, animación teatral e clown e audiovisuais, que inclúe DJ set, baile e poetas. Para formar parte deste catálogo, como mínimo o 50% dos seus compoñentes deben estar empadroados en Poio. Os colectivos e entidades poden solicitar como máximo dous grupos por día e evento, e as aportacións económicas municipais oscilan entre os 150 e os 240 euros por actuación.
Ademais de actualizar o catálogo de grupos, o Concello de Poio tamén incrementa o orzamento total deste programa en 6.000 euros, que se suman aos 16.000 euros que xa estaban incluídos no orzamento de 2024.
A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, resalta que “facíase necesario incorporar estas novas expresións culturais para ofrecer as mesmas oportunidades a todas as agrupacións e artistas locais e, ao mesmo tempo, amplíase a oferta de propostas que teñen á súa disposición as entidades para elaborar as súas programacións”.
Recorda que “estas axudas supoñen un apoio moi importante para os colectivos e para a difusión da cultura popular” e, de feito, no primeiro semestre do ano o Concello de Poio autorizou 60 actuacións de agrupacións folclóricas, pandereiteiras, corais, solistas, charangas, batucadas e outros grupos de música popular. Unha cifra que, sinala, duplica a concesión destas subvencións con respecto ao mesmo período do ano anterior. En total, 24 colectivos, como por exemplo Armadiña, o Ateneo Corredoira, Ronsel, Arela, AG Gaiteiro Villanueva, Rosa dos Ventos, asociacións veciñais de Campelo, O Pereiro, Raxó… recibiron colaboración directa do Concello de Poio para os cincuenta eventos, festas patronais ou outras actividades que organizaron neste tempo. “Este apoio decido do Concello de Poio é imprescindible para o desenvolvemento e promoción de todo este tecido asociativo, cultural e veciñal no noso municipio”, engade.