Esta semana celebrouse a sétima reunión para o seguimento da cesión demanial, na que se abordaron outras cuestións como o plan de emerxencias ou as actividades realizadas ao longo do ano.
O Concello de Poio vén de adxudicar novos traballos arqueolóxicos na Illa de Tambo, que serán realizados pola empresa Tempos Arqueólogos. Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que financia o 100 % dos traballos, cun orzamento total que ascende a preto de 30.000 euros.
Este convenio enmárcase dentro do compromiso adquirido polo conselleiro de Cultura, José López, durante a súa visita á Illa de Tambo, reforzando así a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Poio para continuar avanzando na recuperación e posta en valor deste enclave único.
Os traballos contemplan unha prospección arqueolóxica intensiva en toda a illa, incluíndo a documentación de grafitis, así como a realización de sondaxes valorativas en diferentes puntos de interese, entre eles o antigo Lazareto, a capela e a praia. En función dos resultados obtidos, definiránse novas áreas de intervención.
Ademais, está prevista a execución de labores de topografía e fotogrametría 3D dos restos e estruturas conservadas, a instalación dun cartel interpretativo sobre o patrimonio da illa e a elaboración dun proxecto arqueolóxico, que incluirá un informe preliminar e unha memoria técnica final. O programa complétase con accións de divulgación para dar a coñecer á cidadanía os avances e resultados destes traballos.
Precisamente, este foi un dos asuntos abordados esta semana durante a sétima reunión da Comisión Mixta de Seguimento da Cesión Demanial da Illa de Tambo, na que participou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto co comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Tomás Clavijo, así como outros responsables da institución e técnicos municipais.

Durante o encontro tamén se fixo balance das actividades desenvoltas ao longo deste ano e das previstas para os vindeiros meses, todas elas orientadas a poñer en valor e conservar un dos grandes tesouros patrimoniais do municipio de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, quixo agradecer a colaboración e o compromiso da Xunta de Galicia, destacando “a importancia de seguir poñendo en valor toda a riqueza cultural e natural que agocha a Illa de Tambo, un espazo que cada vez esperta máis interese e orgullo entre veciños e visitantes”.