O CONCELLO DE POIO ACONDICIONA A ALAMEDA DO MOSTEIRO DE SAN XOÁN

12/01/2024

2023.

Nos últimos días o Concello de Poio procedeu a levar a cabo o acondicionamento da alameda de San Xoán, nas inmediacións do Mosteiro e da Casa Consistorial. O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, pasou revista este luns ao estado da explanada, que loce un novo aspecto logo das tarefas desenvoltas desde a pasada semana ata este luns. Para poder facilitar o labor dos operarios municipais foi preciso cortar o aceso ao tráfico rodado e prohibir o estacionamento, que “xa está de novo operativo”, adiantou Casás Barral.

O edil do Goberno municipal recorda que estas tarefas de mantemento lévanse a cabo cada ano, de xeito periódico, para eliminar as deficiencias, desniveis e golpes que se rexistran no terreo, por mor do tránsito de vehículos e das inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, procedeuse á limpeza e á dotación de xabre para poñer a superficie da Alameda en boas condicións. Neste sentido, o responsable da área de Obras e Servizos Municipais incide en que a capacidade de manobra nesta zona por parte do Concello de Poio é moi limitada e condicionada polas limitacións que establece a Dirección Xeral de Patrimonio.

Precisamente, no ano 2019 deste esta Concellería proxectouse unha actuación encamiñada a mellorar a superficie coa dotación de empedrado, totalmente respectuoso coa contorna, e con espazo para habilitar céspede entre as pezas. A obra tamén serviría para habilitar unha canalización de pedra e servizos básicos e estaba valorada en máis de 45.000 euros. Sen embargo, Patrimonio non deu o visto bo á actuación e só se puido executar na parte máis próxima á entrada ao Mosteiro de San Xoán. “En caso de facer realidade o proxecto non sería necesario realizar estes traballos de mantemento de xeito tan habitual, pero temos que adaptarnos á situación, de xeito que poidamos garantir as mellores condicións posibles da alameda sen saírnos das pautas que marca Patrimonio”, conclúe Julio Casás.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio