O CONCELLO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO SEK-ATLÁNTICO PARA FOMENTAR A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE VOLUNTARIADO

12/01/2024

2023.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o director do Colegio SEK-Atlántico, Jaime Olmedo, asinaron esta semana un convenio de colaboración, a través do cal se fomentará a realización de actividades de voluntariado por parte dos e das estudantes do centro educativo situado na Caeira (San Salvador). O acordo terá unha vixencia dun ano, coa posibilidade ser prorrogado cada 12 meses, e márcase como obxectivo fundamental favorecer e priorizar actuacións de interese común, utilizando fórmulas de xestión enfocadas á actuación de voluntariado en áreas medioambientais, culturais, deportivas, educativas e vencelladas ao lecer e o tempo libre.

Deste xeito, o alumnado que tome parte nestas iniciativas prestará apoio ao persoal municipal, de xeito complementario. Os mozos e mozas que realicen estas tarefas contarán coa formación básica, idade e dimensión axeitadas para o desenvolvemento das actuacións que se lles encomende, tal e como figura no documento. Ademais, o Concello e o SEK-Atlántico contemplan a creación dunha comisión mixta, a través da cal se efectuará a avaliación do desenvolvemento do acordo, así como a preparación de sucesivos programas e a proposta de prórroga do acordo de colaboración.

O alcalde Sobral, que durante o acto da sinatura estivo acompañado polas responsables das áreas de Educación e de Deportes, as nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, agradeceu a implicación do SEK-Atlántico e o seu interese “por colaborar na posta en marcha de iniciativas en diferentes eidos, o que sen dúbida tamén resultará moi positivo para o alumnado na súa formación e relación co municipio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio