O Concello adquire unha parcela no centro de Vilariño para ampliar as áreas recreativas e de lecer

12/12/2024

Ángel Moldes, que asinou a compra esta mañá, asegura que “estamos dando resposta a un dos nosos compromisos de Goberno. Dixemos que Vilariño necesitaba máis espazos de esparcemento, e moi pronto será un feito”. Destinará fondos do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación para crear unha pista multi-deporte neste terreo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinou esta mañá a compra dunha parcela no centro de Vilariño que permitirá ampliar a área recreativa e mellorar as infraestruturas de lecer e deporte dispoñibles nesta zona. Trátase dun terreo na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro, e segundo sinala Moldes “é o primeiro paso para facer realidade unha demanda veciñal despois de dúas décadas de incumprimentos”.

Así, explica que neste terreo de máis de 1.700 metros cadrados o Concello de Poio planea ampliar a área recreativa, creando unha pista multi-deporte que ofreza un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades, desde fútbol sala, balonmán, baloncesto, etc. O alcalde indica que esta actuación farase con cargo ao Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra e permitirá dar resposta á crecente demanda da veciñanza, que reclama espazos novos para socializar e practicar deportes ao aire libre, ampliando así as opcións de lecer para toda a poboación.

“A veciñanza de Vilariño leva moito tempo esperando por novas infraestruturas lúdicas e moi pronto este proxecto xa vai ser unha realidade. Van contar cun novo espazo que englobará esta pista deportiva e área recreativa co muíño, co lavadoiro e co parque infantil”, asegurou ao tempo que agradeceu ás propietarias todas as facilidades que puxeron para que o Concello de Poio conte con este novo terreo. Por último, recordou que “estamos dando resposta a un dos nosos compromisos de Goberno. Dixemos que Vilariño necesitaba máis espazos de esparcemento, e moi pronto será un feito”.

O terreo atópase nunha localización céntrica no núcleo de Vilariño, o que facilita o acceso seguro e cómodo dende diversas zonas residenciais próximas. Esta zona actualmente carece de espazos nos que practicar deporte, polo que consideran que é necesaria a adquisición da parcela para ampliar e mellorar as instalacións recreativas e deportivas.

A adquisición desta parcela foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Poio para a adquisición de terreo e mellora de instalacións recreativas e deportivas en Vilariño, asinado en outubro de 2024.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio