O CONCELLO ACONDICIONA OS APARCADOIROS DISUASORIOS TEMPORAIS HABILITADOS EN ANAFÁNS E PORTELIÑA

12/01/2024

2023.

Os concelleiros responsables das áreas de Obras e Servizo e de Urbanismo, os socialistas Julio Casás e Gregorio Agís, pasaron revista este martes aos aparcadoiros disuasorios habilitados nas últimas semanas nas inmediacións do Centro de Saúde de Anafáns e en Porteliña. Trátanse de espazos abertos para acoller vehículos mentres se desenvolven as obras xa iniciadas na contorna de Porteliña e da Rúa do Adro, así como as que comezarán nas vindeiras semanas na vía de aceso ás dependencias sanitarias.

Os operarios municipais están a proceder estes días a mellorar a superficie de ambos terreos, co obxectivo de evitar que se produzan acumulacións de auga por mor das condicións meteorolóxicas. Neste sentido, Julio Casás explica que “son parcelas de terra que se ven afectadas pola chuvia, polo que estamos a dotar a estas superficies de xabre, para consolidalas e evitar bolsas de auga e fochancas”. Unha vez máis, tanto Casás Barral como Gregorio Agís expresaron o seu agradecemento ás persoas propietarias destas parcelas por permitir a súa utilización como aparcadoiros. Hai que lembrar que, no caso da rehabilitación de Adro e Porteliña, foi preciso cortar os acesos e o tráfico rodado para permitir o desenvolvemento da actividade da empresa adxudicataria, polo que “era preciso atopar espazos para que as persoas residentes, veciñanza e clientes de negocios da contorna contasen con zonas para deixar os seus vehículos”.

Estes dous terreos sitúanse moi preto da estrada PO-308 e contan con capacidade para acoller a uns 50 automóbiles aproximadamente, sumando ambas superficies. No caso da rehabilitación de Anafáns, Gregorio Agís lembra que este proxecto está impulsado pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, cun orzamento próximo aos 190.000 euros. Actualmente atópase en proceso de licitación. O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas finalizará este xoves. A partir de aí, iniciaranse as xestións pertinentes para completar o concurso e adxudicar a obra. Os dous edís do PSdeG-PSOE son conscientes das molestias que provocan, de xeito temporal, este tipo de actuacións, polo que agradecen unha vez máis a comprensión e paciencia da veciñanza, ao tempo que salientan que ambas obras “suporán un antes e un despois para dous núcleos de referencia de San Salvador, que pasarán a contar con máis seguridade peonil, accesibilidade universal e servizos básicos”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio