O Concello de Poio está promovendo ao longo de todo o ano unha ampla programación cultural, lúdica e deportiva coa que está enchendo de vida as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo tempo de lecer e de ocio para todas as idades ao mesmo tempo que se contribúe á dinamización socioeconómica do municipio.
O Concello de Poio presenta o ciclo musical Ondas de Salitre, que ofrecerá a próxima fin de semana cultura e música en directo cos concertos de Luar na Lubre e Gin Toni´s no Porto de Raxó.
O xoves, día 14 de agosto, o protagonista será Luar na Lubre. O concerto, con entrada gratuíta, comezará ás 23.30 horas e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa +Música.
O grupo máis internacional do folk en Galicia, presenta as cancións do seu traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, coa participación de diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo. O que será o último traballo en formato físico, ten carácter recompilatorio, contén temas icónicos de todos os tempos que foron reinterpretadas con novas versións e con voces tan destacadas como Pablo Milanés, SÉS, Rosa Cedrón, entre outras.
Xa o venres, día 15, será a quenda de Gin Toni´s a partir das 00.00 horas, tamén con entrada gratuíta. Unha banda apaixonada e elegante, cun directo vibrante e cheo de enerxía, que repasará os grandes éxitos do pop rock español, desde os anos 80 ata hoxe.
O Concello de Poio está promovendo ao longo de todo o ano unha ampla programación cultural, lúdica e deportiva coa que está enchendo de vida as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo tempo de lecer e de ocio para todas as idades ao mesmo tempo que se contribúe á dinamización socioeconómica do municipio. “Estamos moi orgullosos de contar cunha programación variada, de calidade e atractiva para todos os públicos”, sinala o alcalde, Ángel Moldes, que presentou esta mañá o ciclo Sondas de Salitre xunto cos edís Fran Dasilva, Natalia Sabarís e Tamara González. “Poio é un concello vivo e dinámico que convida a saír a rúa, a desfrutar da música e da cultura en espazos emblemáticos de todo o municipio. Unha programación que enche de vida as nosas rúas, que supón un atractivo para achegarse ata o noso concello e que contribúe ao noso desenvolvemento socioeconómico”, engadiu.