O Concello de Poio está a habilitar un espazo peonil que conectará o aparcamento co colexio. Natalia Sabarís sinala que “damos resposta a unha demanda da comunidade escolar que leva máis de dez anos enriba da mesa”.
O Concello de Poio está a executar a creación dun camiño seguro que permitirá ao alumnado do CEIP de Lourido acceder ao centro a pé e con total seguridade desde o aparcamento. A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, explica que nestes momentos se está a traballar na delimitación dun espazo específico para o tránsito peonil, co obxectivo de “dar resposta a unha demanda histórica da comunidade escolar”.
Sabarís subliña que “se trata dunha reclamación xusta e dunha actuación moi necesaria”. Lembra, ademais, que o Goberno local asumiu o compromiso tanto coa dirección do colexio como coa ANPA, unha intervención que foi tamén avalada polo Consello Escolar.
Os traballos inclúen o pavimentado dun sobreancho da estrada e a posterior sinalización horizontal para reservar unha franxa segura destinada aos peóns. Tamén se habilitará un paso de peóns con resalto, que permitirá cruzar desde o aparcamento, ao tempo que contribuirá a reducir a velocidade dos vehículos na zona.
A concelleira incide en que o Goberno local continúa a traballar para mellorar as condicións do alumnado de Poio. “Mantemos un contacto permanente coas direccións dos centros e coas asociacións de nais e pais para coñecer as súas preocupacións, necesidades e prioridades, e actuar en consecuencia”, conclúe.