O Casal de Ferreirós acolle a exposición «Crónicas en acuarela» da artista Macu Tovar

07/07/2026

O Casal de Ferreirós acollerá desde este xoves, 9 de xullo, a exposición «Crónicas en acuarela», da artista Macu Tovar. A inauguración da mostra terá lugar ás 19.00 horas, nun acto aberto ao público, e con entrada gratuíta.

A exposición reúne unha selección de acuarelas nas que a autora plasma a súa particular visión da paisaxe, do patrimonio e dos lugares que a inspiran, entre as que se inclúen espazos emblemáticos de Poio.

Macu Tovar iniciou a súa traxectoria artística traballando con óleo e acrílico. Co paso do tempo, a necesidade de contar cunha técnica máis práctica para acompañala nas súas viaxes levouna a descubrir os cadernos de viaxe e, a través deles, a acuarela. Ese primeiro contacto coa técnica marcou un punto de inflexión no seu proceso creativo.

Posteriormente completou a súa formación en diferentes obradoiros impartidos por artistas especializados de ámbito nacional e internacional, como Laura, da academia O Reiben (Marín), Pablo Rubén (Madrid) e Jorge Corpuna (Perú). Grazas a esta aprendizaxe, afondou no coñecemento dunha técnica que define como esixente e intimamente ligada ao movemento da auga, unha característica que a fai tan imprevisible como fascinante.

A artista entende a acuarela como un proceso de aprendizaxe continuo, no que sempre hai novos matices por descubrir. A través desta técnica busca transmitir a beleza que atopa na natureza, nas vilas e nas persoas, convertendo cada obra nun reflexo da emoción e da observación do contorno.

A exposición poderá visitarse no Casal de Ferreirós ata o 8 de agosto, con entrada libre e gratuíta.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio