O Campamento Dixital pon fin a unha intensa programación de verán organizada polo Concello de Poio para a mocidade

22/08/2025

A actividade desenvolveuse durante toda a semana na Aula Cemit de Combarro, cunha programación adaptada por idades para fomentar o uso útil, creativo, seguro e responsable das tecnoloxías.

O Concello de Poio clausurou esta mañá o Campamento Dixital que se desenvolveu durante toda a semana en Combarro, dentro da programación de verán organizada para a mocidade. A concelleira de Xuventude, Tamara González, achegouse ata a Aula Cemit para participar no acto de clausura, no que fixo entrega dos diplomas aos preto de vinte mozos e mozas que participaron nesta iniciativa, que se organizou en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.

O campamento tivo como obxectivo principal achegar ás novas xeracións competencias dixitais clave, fundamentais para o seu desenvolvemento persoal, académico e profesional. Os contidos foron adaptados por idades e enfocados a fomentar un uso responsable, seguro, creativo e útil das tecnoloxías.

Esta actividade foi unha das principais novidades da ampla programación xuvenil de verán impulsada polo Concello de Poio, campamentos nos que participaron máis de 120 mozos e mozas do municipio ao longo dos meses de xullo e agosto. Segundo destacou Tamara González, “queremos que a nosa mocidade atope no seu concello propostas de ocio atractivas coas que gozar do seu tempo libre e das súas vacacións”.

Entre as propostas máis destacadas deste verán figuraron tamén o campamento cultural “Teatreirxs” en Raxó, a Semana Máxica de Samieria dirixida ao alumnado de 5º de Primaria a 2º da ESO en Samieira, así como os proxectos realizados en colaboración coa Xunta de Galicia: o campo de voluntariado “Costa Azul” e o minicampamento “As pegadas da historia”. A maiores, tamén se programaron o festival Senda do Mar, na Seca, e a Festa de Xuventude, en Samieira, coa mellor música urbana.

Con esta clausura, o Concello de Poio dá por rematada unha tempada estival marcada pola “participación, a aprendizaxe e o lecer responsable”, engadiu a concelleira.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio