Rocío Cochón destaca que, cada vez con maior frecuencia, grupos organizados elixen o municipio como “campamento base” para realizara variante espiritual pola súa oferta turística e de servizos. O Concello reforza a súa estratexia de internacionalización e de potenciación do turismo xacobeo e de calidade ao fructificar contactos establecidos en Fitur 2026.
Poio continúa a gañar peso como punto de referencia no turismo xacobeo nas Rías Baixas, especialmente entre os peregrinos internacionais. Destacouno a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, durante a visita ao Concello dunha vintena de peregrinos procedentes do norte de Italia e do cantón suízo do Tesino que pernoctaron varios días na localidade.
Entre os integrantes do grupo atopábanse cargos institucionais e persoeiros da vida social das súas localidades de orixe. Logo dunha breve benvida no Concello, onde a edil lles trasladou algunhas das singularidades que converten Poio nun lugar único dentro do itinerario xacobeo, selaron a Compostela e visitaron o Mosteiro de Poio e o casco histórico de Combarro.
Asemade, a responsable de turismo mantivo unha reunión de traballo co operador especializado de Ultreia Travel, referente no mercado italiano de turismo xacobeo, que decidiu aumentar a presenza dos seus grupos en Poio, con varias pernoctacións e xantares reservados en orixe.
Tras a visita, Cochón destacou que, cada vez con máis frecuencia, operadores, axencias e peregrinos teñen o municipio como “campamento base” para facer un tramo do Camiño e coñecer a contorna, ao tempo que desfrutan da oferta de aloxamento, gastronómica e de actividades no municipio.
“Poio ofrece unha combinación única de patrimonio, natureza, gastronomía, tranquilidade, servizos… que encaixa perfectamente co que buscan cada vez máis peregrinos internacionais”, sinalou Cochón, quen destacou que “o noso obxectivo, polo que estamos traballando é que cada vez máis, desfruten da nosa hospitalidade e marchen coa idea de volver”.
A edil recordou que Poio recibe cada ano máis de 35.000 peregrinos dos cinco continentes -con datos da Mancomunidade do Salnés- que percorren unha das dúas variantes do Camiño Portugués que atravesan o municipio: a Variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento, ambas de pouca dificultade e gran valor paisaxístico e patrimonial, o que as converte nunha experiencia moi atractiva para un público internacional sénior orientado a experiencias culturais e de calidade.
Ademais, o concello ten o turismo xacobeo como un dos principais eixos de actuación, con iniciativas como a campaña “No Bo Camiño”, que permitiu aumentar a información e a atención a estes visitantes desde 2023 e o Punto de Atención ao Peregrino, un tótem interactivo en varios idiomas que busca enriquecer a experiencia dos peregrinos e potenciar o seu desfrute da economía local.
“Isto únese a unha infraestrutura de aloxamentos, restauración e comercio de primeiro nivel durante todo o ano, así como cun entorno privilexiado no que destacan recursos como o Mosteiro de Poio, a Área Recreativa da Seca, o monte Castrove, o conxunto histórico de Combarro, a de Samieira e o Covelo ou a vila de Raxó, todos eles ao pé dunha das variantes xacobeas”, resaltou.
Por último, Cochón destacou que “moitos dos contactos establecidos en Fitur 2026 con axencias, turoperadores e profesionais do sector, sen facer ruído, xa están fructificando e dando resultados”, cun incremento progresivo da presenza de visitantes internacionais e grupos organizados en orixe.
“Desde Fitur, e no traballo diario, seguimos establecendo canles de comunicación internacionais para posicionar Poio como un destino de referencia para o turismo xacobeo, cultural, internacional e desestacionalizado, cun modelo baseado na calidade e na experiencia”, concluíu Cochón, quen convidou aos peregrinos a regresar “sabendo que aquí sempre terán as portas abertas”.