O Concello de Poio iniciou xa a distribución do calendario ilustrado correspondente ao ano 2026 entre a veciñanza e o tecido comercial do municipio. Por terceiro ano consecutivo, o deseño corre a cargo da ilustradora Andrea Menéndez, que nesta ocasión centra as súas creacións no Bosque de Colón, protagonista dos meses do primeiro semestre, e na recuperación de espazos públicos en Combarro, que ilustra a segunda metade do ano.
A elección do Bosque de Colón cobra este ano un significado especial coincidindo coa visita a Poio do profesor estadounidense John H. McElroy, impulsor en 1992 da plantación de secuoias no Monte Castrove. O académico desprazouse ao municipio para participar na homenaxe rendida a Manuel Viéitez, recentemente falecido, axente ambiental e unha das persoas clave na creación deste singular espazo natural.

No caso de Combarro, a ilustración do calendario toma como referencia a rotonda situada nun dos accesos á parroquia, un lugar que destaca pola súa riqueza paisaxística e polo valor patrimonial dunha contorna única en Galicia. O Concello de Poio levou a cabo a transformación deste espazo mediante a recuperación dun hórreo e dunha embarcación tradicional, elementos que simbolizan a identidade e o carácter mariñeiro de Combarro e a aposta municipal pola posta en valor e recuperación de espazos públicos.
Con esta nova edición, o Concello dá continuidade á iniciativa posta en marcha en 2024, coa que cada ano se incorporan ao calendario dous lugares, edificios ou actuacións singulares do municipio. Na súa primeira edición destacáronse o Pazo Besada e a Casa Consistorial, mentres que o calendario de 2025 puxo o foco na fronte costeira de Raxó e nos Muíños da Freixa. O obxectivo é realizar un percorrido ilustrado polos principais puntos de interese de Poio, contribuíndo á súa posta en valor desde unha perspectiva artística.
O novo calendario preséntase en formato de escritorio e inclúe a información de contacto do concello, así como a relación de festivos nacionais, autonómicos e locais, que en 2026 serán o día de Galicia Mártir (17 de agosto) e A Merced (24 de setembro). Pode recollerse na Casa Consistorial, nos diferentes espazos municipais e en establecementos colaboradores distribuídos por todo o municipio.