O Motoclub A Rosa dos Ventos repartiu 133 certificados ás persoas que cumpriron coa tradición e visitaron a escultura nos primeiros quince días do ano. A popularidade do “Anxo de Poio” cuadriplicouse desde 2021, pero de xeito especial no último ano. Desde hai uns meses, no municipio hai outro punto de referencia para honrar a todas as vítimas de accidentes: na Arpa do Silencio situada na PO-308.
O “Anxo Moteiro” de Poio está consolidada como unha das esculturas máis emblemáticas e visitadas de todo o país para os afeccionados ás dúas rodas, converténdose no principal lugar de peregrinación moteira en España. A este monumento séguenlle outros puntos como o Monumento ao Motorista de Astorga, o Moteiro Ausente de Cáceres e a escultura ao Motorista Ausente de Villacañas, en Toledo. Aínda que as visitas se fan durante todo o ano, no caso de Poio cobran un significado especial nos primeiros quince días de xaneiro, convertendo A Seca no punto de encontro para dar a benvida ao novo ano, así como para render homenaxe aos motoristas falecidos, lembrar aos compañeiros que xa non están e pedir protección para as rutas.
Segundo datos facilitados polo Motoclub A Rosa dos Ventos, durante os primeiros quince días de 2026 repartíronse 133 certificados persoais entre as persoas que cumpriron coa tradición de achegarse ata a escultura. Unha tradición que, lonxe de perder forza, segue gañando adeptos. Así, moteiros de toda Galicia fixeron a súa visita a Poio, pero tamén doutros puntos do país, como Estepona ou Asturias ou mesmo de Portugal, onde a escultura tamén é moi coñecida converténdose nun lugar de referencia.
A popularidade do “Anxo de Poio” cuadriplicouse desde o ano 2021, aínda que foi especialmente notable o crecemento rexistrado durante o último ano. Cada vez son máis os motoristas que chegan de diferentes lugares de todo o país e de Portugal para visitar Poio, o que reforza o carácter simbólico e emocional deste monumento, erixido como homenaxe permanente ás vítimas de accidentes de moto.
Polo tanto, como indican desde o Motoclub, o Anxo Moteiro non é só un monumento, senón un símbolo de unión, memoria e respecto, que converteu a Poio nun lugar de encontro para motoristas que cada ano atopan aquí un espazo para lembrar, compartir e seguir rodando con protección.
Este fluxo constante de visitantes consolidou ao municipio como un referente nacional dentro do mundo moteiro. Ademais, desde hai uns meses Poio conta con outropunto de lembranza e reflexión, a Arpa do Silencio, situada na estrada PO-308, outro espazo destinado a honrar a todas as vítimas da estrada e promover unha condución responsable.
Desde o Motoclub A Rosa dos Ventos tamén confirmaron que tras o parón por motivos de saúde o ano pasado, neste 2026 recuperarase a súa Concentración Moteira, que terá lugar do 10 ao 12 de xullo, e que suporá o regreso dun dos eventos máis destacados do calendario moteiro galego.