Ángel Moldes comprobou esta mañá o avance das actuacións, que encaran a súa fase final. O investimento total é de 450.000 euros, cofinanciado entre Concello de Poio e Xunta de Galicia. A actuación mellorará a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía moi transitada pola veciñanza.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou esta mañá os traballos que se están a desenvolver para mellorar o pavimento e crear unha senda peonil e un carril bici entre Chancelas e Combarro, no Camiño Real, co obxectivo de comprobar de primeira man o seu avance. Segundo indicou o rexedor durante a visita, as obras encaran xa a súa recta final e estarán listas nas próximas semanas.
A intervención supón un investimento de 450.000 euros, cofinanciado polo Concello de Poio e a Xunta de Galicia, e responde a unha demanda histórica da veciñanza, especialmente do núcleo da Bouza, que levan anos reclamando unha mellora na mobilidade, accesibilidade e seguridade desta estrada.
O proxecto inclúe a mellora do firme existente, a instalación de cunetas para a recollida de augas pluviais, o reasfaltado da vía e a creación dunha plataforma para tráfico rodado de 4 metros de anchura, así como dunha senda peonil e ciclista de mínimo 2,5 metros de ancho, garantindo así unha mobilidade sostible e segura.
Durante a visita, Moldes destacou que se trata dunha actuación prioritaria e fundamental para a mellora da accesibilidade e a comunicación entre a Bouza e Combarro, nunha vía moi transitada e que cumpre un papel esencial na mobilidade diaria da zona. Tamén puxo en valor que esta obra se enmarca nun plan máis amplo do goberno local para modernizar as infraestruturas viarias do rural e recordou que, neste momento, hai importantes proxectos en execución e outros a punto de comezar.
Esta obra súmase a outras que o Concello de Poio ten en execución neste momento, como son a primeira fase da reurbanización da PO-308, no treito da Barca, cun investimento de 1,6 millóns de euros para transformar e mellorar a accesibilidade e seguridade dunha das principais entradas ao municipio; ou a mellora do saneamento e pluviais na Caeira, cun investimento de 72.026 euros, grazas a un convenio entre o Concello, a promotora Zoe Home e a Inmobiliaria Club de Tenis.
Neste senso, desde o Goberno local destacan que o ano 2025 será histórico a nivel de investimentos, xa que o Concello de Poio conseguiu captar máis de 13 millóns de euros en fondos doutras administracións, destinados a proxectos estratéxicos que están a consolidar a transformación do municipio. Ademais das actuacións xa en marcha, nas próximas semanas comezarán tamén as obras de recuperación da contorna e mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, cun investimento de 668.000 euros. Tamén se está a traballar na mellora da estrada provincial a Campelo, na remodelación de parques e áreas infantís en todo o municipio, na renovación de instalacións deportivas e no impulso ao polígono industrial de Fragamoreira, entre outras actuacións que buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza en todas as parroquias.