Un total de 25 estudantes franceses participan estes días nun intercambio co alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Poio, nunha iniciativa que promove o coñecemento cultural e a convivencia entre mozos de distintos países.
Esta mañá, a conelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, déulles a benvida ao Concello de Poio, onde lles fixo entrega dun libro con información do municipio, así como dunha pulseira de recordo da súa estancia. Durante o acto, destacou que este tipo de programas constitúen “unha experiencia moi enriquecedora para todo o alumnado”, ao tempo que fomentan valores como o respecto, a cooperación e a coñecemento doutras culturas.
Este encontro forma parte dun programa de intercambio no que o alumnado de Poio xa participou recentemente, tras visitar hai dúas semanas a localidade de Noyon, na rexión francesa de Picardía. Agora son os estudantes franceses os que devolven a visita, permanecendo no municipio durante unha semana.
Ao longo da súa estancia, os participantes están a desenvolver un amplo programa de actividades culturais e de lecer. Durante a fin de semana xa tiveron ocasión de coñecer a Illa de Tambo e a vila mariñeira de Combarro. Na xornada de hoxe visitan o Mosteiro de Poio e, nos vindeiros días, continuarán percorrendo distintos puntos de interese cultural en Galicia.