Poio recorda a Rosalía de Castro: “O seu legado non só perdura nos seus versos, tamén no recoñecemento que sentimos por ela”

22/02/2025

No Casal de Ferreirós realizouse unha lectura colectiva do poema “Miña casiña meu lar” e degustouse o Caldo da Gloria, acompañado pola música de Vides Novas.

Poio celebrou esta mañá os actos para conmemorar o nacemento de Rosalía de Castro, que incluíron unha lectura colectiva do poema “Miña casiña, meu lar”, a elaboración e degustación do Caldo da Gloria e unha alborada. Foi no Casal de Ferreirós, elixido pola súa proximidade á rúa que o Concello de Poio dedica, precisamente, á poeta.

“Unha muller precursora ao seu tempo, desafiando as normas de unha sociedade que relegaba ás mulleres a un segundo plano e defendendo, de xeito incansable, a nosa lingua”, en palabras do alcalde Ángel Moldes. Neste senso, sinalou que “o seu legado non só perdura nos seus versos, senón tamén no profundo recoñecemento que hoxe sentimos cara a súa obra e a súa figura”. Na súa obra, recordou, “non só plasmou as súas inquedanzas persoais, senón que tamén deu vida a Galicia e loitou por manter vivo o galego e a nosa cultura. Cada palabra que escribiu é un convite a reflexionar sobre o valor da nosa identidade e seguir defendendo o que nos define como pobo”.

Tamén a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, puxo en valor a figura de Rosalía de Castro, “unha voz potente, valente e única. É a nosa responsabilidade manter vivo o seu recordo: enxalzar a súa figura, visibilizar a súa obra e reinvindicar o seu legado”, e agradeceu a colaboración e participación de entidades locais e membros da corporación nos actos organizados. Representantes das asociacións Moureante, SDC Samieira e AAVV de Lourido foron, este ano, as encargadas de dar lectura a fragmentos do poema “Miña casiña, meu lar”, xunto ás concelleiras de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, e do PSOE, Silvia Díaz, e a bibliotecaria Macarena Ferreiro.

Tras a lectura, o cociñeiro Javier Couselo, do restaurante La Nueva Parada, de Combarro, elaborou o Caldo da Gloria que degustaron os asistentes, con caldo de osos de porco, tenreira e galiña, unto vello ou rancio, feixóns e verduras de tempada. Unha iniciativa inspirada no poema, na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Para rematar, a amenización musical correu a cargo do gaiteiro Álvaro Pérez, da agrupación Vides Novas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio