O alcalde Ángel Moldes destaca “a labor importante das comisións de festas do municipio, un traballo fundamental para manter a tradición e potenciar as festas patronais do noso concello”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e os concelleiros de Festexos e de Cultura e Educación, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, participaron esta semana na presentación da programación das festas patronais do Divino Salvador de Poio, que mesturan música, cultura e tradición do 5 ao 8 de agosto.
Ángel Moldes aproveitou a ocasión para agradecer o traballo da comisión de festas e destacou “a labor importante que realizan, un traballo fundamental para manter a tradición e potenciar as festas patronais do noso concello”.
As celebracións comezarán o martes, día 5, coa lectura do pregón a cargo de Jorge Juan Gómez Gude, cura párroco e catedrático emérito da Universidade de Vigo, ás 21.30 horas no adro da Igrexa de San Salvador. Posteriormente actuará o grupo de gaitas Vides Novas e a noite rematará coa actuación do grupo Alianza.
O mércores 6, ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne na honra a San Salvador, cantada pola Coral Virxe da Renda, Combarro. A procesión estará acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela e pola Escola de Música tradicional de Poio. A partir das 21.00 horas a verbena estará amenizada polas orquestras La Ocaband e o grupo Azabache.
Xa o xoves 7, a misa na honra á virxe do Carme será ás 12.30 horas e estará cantada pola Coral Virxe de Fátima de Campelo. De seguido sairá a procesión, acompañada pola Escola de Música tradicional de Poio. Pola tarde, ás 21.00 horas actuará o grupo Chispas do Lérez e a verbena comezará ás 22.00 horas coa orquestra Os Satélites.
O último día da festa, o venres 8, dedicarase aos máis pequenos da casa, cunha festa infantil con inchables, toro mecánico e festa da escuma. Será a partir das 18.00 horas.