Ángel Moldes agradeceu a implicación “de tantos colectivos e tantas persoas” para ofrecer “un Nadal máxico para maiores e pequenos”, e animou a percorrer as Aldeas de Nadal por todo o municipio.
Veciñas e veciños de todas as idades déronse cita esta tarde na Praza da Mosteiro para inaugurar o Nadal de Poio, que contou con música, iluminación e moita diversión para dar o pistoletazo de saída a unha programación ambiciosa, participativa e de calidade, que ofrece preto de 60 actuacións para toda a familia coas que encher de maxia e de ilusión cada parroquia do municipio.
Non faltaron a animación, música, maquillaxes e globos, como tampouco o chocolate e a rosca de balde, fogos de luces, bengalas e o tradicional acendido das luces de Nadal, que este ano protagonizou o alumnado da Fundación Juan XXIII. Ademais, tamén se presentou o espectáculo deste Nadal, Bulelandia, inspirado en Charlie e a fábrica de Chocolate para ser o fío condutor de toda a imaxe, proposta escénica, vestiarios e contido destas festas, e houbo outras moitas sorpresas ao longo de toda a xornada.
O alcalde Ángel Moldes agradeceu de novo a implicación das máis de corenta asociacións que colaboran: “Poio ten o Nadal máis máxico e participativo grazas á axuda de tantos colectivos e de tantas persoas para dotar de moito contido e propostas atractivas para que pequenos e maiores disfrutemos dunhas festas inesquecibles”. Así, animou a toda a veciñanza e visitantes a percorrer todo o concello, cada unha das sete Aldeas de Nadal que están situadas en lugares e prazas emblemáticas do municipio e a carpa Poio Máxico, “porque van ser os verdadeiros puntos de encontro e diversión para toda a familia este Nadal”. As Aldeas de Nadal están situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.
Por último, Moldes apuntou que “queremos converter ao Nadal de Poio nun referente, un Nadal con personalidade propia, ofrecendo un concello máis atractivo e dinámico” e recordou que “conseguimos xa algo moi importante, que é devolver a ilusión por estas datas aos veciños do noso concello, que hoxe disfrutan aquí e presumen con orgullo das nosas festas cando antes tiñan que marchar cara outros concellos. E conseguímolo co apoio e a participación de moitas persoas”.
PROGRAMACIÓN
Este luns continúa a programación na Biblioteca Municipal, onde se organizará un Obradoiro de Nadal e se decorará a instalación a partir das 16.30 horas, mentres que o sábado 7 de decembro chegará á carpa Poio Máxico, na Seca, o espectáculo Superhits, con Juan D e Beatriz, os presentadores do programa Los Lunnis. Ás 18.00 horas con entrada gratuíta. A Seca tamén acollerá outras actuacións, actividades e talleres ata o 6 de xaneiro, entre elas os espectáculos de ilusionismo de Pedro Volta e “Tallarín Un Mundo Máxico”, de Cantajuegos.
Nas sete Aldeas de Nadal organizaranse actividades de animación na rúa que inclúen desde o espectáculo Bulelandia, que tamén se levará aos colexios de Poio, ata teatros, batucadas, obradoiros, belén vivente, contos, panxoliñas, música ou as badaladas de fin de ano.
E tamén haberá propostas na rede de espazos municipais para adultos e nenos, tanto no Casal de Ferreirós, como na Biblioteca Municipal, na Casa Rosada, no CC Xaime Illa e no Palacete Besada.
A programación inclúe a papanoelada moteira polas estradas do municipio, a visita de Papá Noel ás Parroquias e, con respecto aos Reis Magos, este ano repetimos tamén experiencia e farán dobre parada en Poio, o día 5 para visitar todas as parroquias, e o 6 para despedirse de todos os nenos da comarca desde Poio, cunha cabalgata moi participativa, coa colaboración das anpas e das comparsas, que rematará cunha gran festa de animación infantil no entorno da Carpa Poio Máxico.