Mundo Nores Fernández, pregoeiro polo seu compromiso co Día de Colón

25/04/2026

Este veciño de San Salvador é unha das persoas que colaboran desde o inicio da celebración. Continúa aberto o prazo para reservar espazo para os xantares e ceas particulares o sábado 9 de maio.

O Día de Colón xa ten pregoeiro: Mundo Nores Fernández. Veciño de San Salvador, será o encargado de dar o pistoletazo de saída a esta celebración, en recoñecemento á súa implicación e apoio constante desde os seus inicios.

Persoa moi activa na vida social do municipio, Mundo participa en diversas agrupacións e asociacións, entre elas a AC Vides Novas, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio ou a comparsa Os Canecos.

A festa arrancará o venres 8 de maio coa lectura do pregón, que abrirá dous días de ambiente e animación medieval nas rúas do casco histórico. A programación completa darase a coñecer nos próximos días, pero xa se adianta que incluirá mercado artesanal, talleres demostrativos, xusta medieval, tiro con arco, zonas de xogo e animación infantil, ademais de música e espectáculos itinerantes.

RESERVA DE ESPAZOS PARA XANTARES PARTICULARES

Segue aberto o prazo para solicitar espazo para organizar xantares e ceas particulares, que terán lugar o sábado 9 de maio. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo de Combarro ata o 30 de abril.

Xunto coa solicitude —na que deberán indicar datos da persoa solicitante, número de participantes, dimensións da mesa e se se prevé o uso de lume ou grellas— será necesario achegar copia do DNI da persoa representante, así como un esbozo ou fotografías que amosen as dimensións, o emprazamento e a estética do espazo solicitado.

O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de vida e ambiente medieval, polo que se anima tanto a veciñanza como ás persoas visitantes a saír á rúa e contribuír a recrear o espírito do Día de Colón en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio