Mulleres emprendedoras terán un papel protagonista na ‘I Xornada de Emprendemento no Camiño’

03/06/2024

Carmen Fuentes, xerente do Albergue de Peregrinos de Poio; Raquel Santamaría, directora do Hotel Villa Covelo, e Sabela Gippini, CEO de Galiwonders, contarán a súa experiencia emprendedora neste foro, que busca fomentar as iniciativas innovadoras en torno ás rutas xacobeas no municipio.

O Concello de Poio deu a coñecer hoxe o programa da ‘I Xornada de Emprendemento no Camiño’, un foro pioneiro sobre as oportunidades de negocio e emprego nas Variantes Xacobeas do Concello que se celebrará o mércores 5, a partir das 10:30 horas, no Casal de Ferreirós e no que as mulleres emprendedoras terán un papel protagonista.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, quixo poñer en valor a importancia do emprendemento feminino neste sector xunto a tres das empresarias que relatarán as súas experiencias e compartirán claves para a posta en marcha de iniciativas innovadoras cos asistentes.

Cochón escolleu o treito do Camiño Xacobeo que atravesa a Reiboa para dar a coñecer o programa da xornada xunto a Carmen Fuentes, veciña de Poio e xerente do Albergue ‘Nuestra Señora del Camino’, situado en Casalvito na Variante Espiritual e froito dunha iniciativa emprendedora post-pandemia; Raquel Santamaría, directora do Hotel Covelo, un referente do aloxamento que organiza actividades culturais e de ocio fóra de tempada, situado a ruta do Padre Sarmiento, e Sabela Gippini, CEO de Galiwonders, unha axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago que recentemente recibiu o premio á mellor iniciativa emprendedora de AJE Galicia. “As tres son mulleres, as tres son un exemplo de emprendemento relacionado co Camiño de Santiago que xera riqueza e emprego no noso concello”.

Cochón destacou o importante papel das mulleres no sector turístico, onde representan máis da metade dos postos de traballo e de dirección: “O seu exemplo demostra que o emprendemento é un camiño ao empoderamento, o emprego e á realización persoal, xerando tamén oportunidades para toda a veciñanza”.

Fuentes, Santamaría e Gippini formarán parte dunha mesa redonda onde compartirán as súas experiencias de emprendemento xunto a Alvino Vázquez, da Asociación Náuticos de Galicia, que falará dunha experiencia innovadora como o Camiño Náutico.

Nas xornadas tamén intervirán o Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, que explicará as Ferramentas de Apoio ao Emprendemento da administración autonómica; e Ramón García Guinarte, xerente da Mancomunidade do Salnés, que falará da oportunidade histórica que supoñen para a economía, a cultura e o emprego as Variantes do Camiño de Santiago.

Ademais, tamén contará coas intervencións de Lorena Giadanes, Directora da Área de Negocio de CaixaBank para Pontevedra Norte, que falará de Asesoramento global no camiño do Emprendemento; así como a da responsable de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, que debullará a evolución do sector en Poio e na provincia, e do alcalde de Poio, Ángel Moldes, que incidirá na importancia do turismo no municipio.

O foro completarase cunha Pausa Café na que os asistentes poderán crear conexións profesionais e explorar posibles colaboracións e sinerxias.

O evento vai dirixido principalmente a emprendedores, persoas en busca de emprego, profesionais, veciños e colectivos de Poio, aos que se lles dará “información e ferramentas” para que “calquera veciña ou veciño cunha idea de negocio ao redor do camiño teña as ferramentas, a inspiración e os recursos para facela realidade”.

“Nos últimos meses, Poio está cada vez máis no bo camiño”, indicou Cochón, que destacou que no primeiro ano de alcaldía de Ángel Moldes, “estámonos convertendo cada vez máis nun concello máis atractivo para vivir, para visitar, para investir e para traballar, e un dos mellores expoñentes é o Camiño. Estamos traballando para ter un turismo sostible, de calidade, para todo tipo de visitantes e os 365 días do ano e para que todos os que o desexen poidan facer realidade un proxecto de vida baseado en todo o que podemos ofrecer”.

“As iniciativas empresariais enriquecen o noso concello, e máis se xiran en torno a un tesouro como é o patrimonio xacobeo”, resaltou. Por ese motivo, chamou a inscribirse a “todas as persoas do noso concello que teñan acendida a chispa do emprendemento”.

A inscrición é completamente gratuíta ata completar o aforo. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse no email turismo@concellopoio.org, no teléfono 986 83 32 04 ou presencialmente nas oficinas de Turismo de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio