Mozos de toda España comprométense coa protección do medio mariño no campo de voluntariado «Costa Azul»

01/08/2025

O alcalde Ángel Moldes destaca o papel fundamental da mocidade na concienciación ambiental. A actividade, incluída na programación de verán da Xunta por segundo ano consecutivo, combina a ecolimpeza con actividades de ecoturismo e formación en economía circular.

Poio acolle estes días a segunda edición do campo de voluntariado “Costa Azul”, unha iniciativa que ata o 3 de agosto reúne a preto de vinte participantes, a maioría deles mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de distintos puntos de España, como Galicia, Aragón, País Vasco, Murcia, A Rioxa, Madrid e Extremadura. O obxectivo: colaborar activamente na limpeza e protección do litoral e coñecer de preto a riqueza natural e cultural do municipio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Xuventude, Tamara González, visitou hoxe aos participantes na Senda do Laño, no Covelo, un dos dous sendeiros azuis do municipio. Alí puideron comprobar de primeira man algunhas das actividades que se están a desenvolver para localizar e retirar residuos, na súa meirande plásticos, que aparecen ao longo de toda costa. Ademais, estes días tamén estiveron traballando noutras zonas do municipio, como Lourido, Combarro, a Illa de Tambo, Chancelas ou A Seca, tanto por mar como por terra, facendo uso de medios como kaiaks, drons e táboas de paddle surf. Unha limpeza que combinan con sesións de ocio e turísticas, aproveitando tamén a súa estancia en Poio para coñecer toda a contorna e os principais recursos e atractivos que ofrece o concello.

Moldes agradeceu “o compromiso e o esforzo” dos voluntarios durante estes dez días de traballo, “destinando as súas vacacións en prol do coidado do medio ambiente”, e asegurou que “a súa implicación será clave para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de coidar o noso litoral”. Tamén quixo lembrar que “a contaminación, especialmente polo plástico, afecta de forma directa ao marisqueo, ás praias e á biodiversidade mariña”, polo que apelou á responsabilidade compartida.

O programa, impulsado pola Xunta de Galicia, busca non só actuar directamente sobre o medio, senón tamén formar aos participantes en valores ambientais e economía circular, a través de actividades centradas nas 7R. Ademais, promóvese o ecoturismo responsable e o coñecemento da contorna natural e cultural de Poio.

Os mozos e mozas participantes coinciden en destacar o valor desta experiencia, tanto pola oportunidade de colaborar na protección ambiental como por descubrir novas paisaxes, praias, gastronomía e tradicións. Un dos aspectos que máis lles sorprendeu, segundo contan, foi toda a contorna, as praias e as vistas cara a ría, así como a visita e traballo realizado na Illa de Tambo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio