Moldes reunirase coa veciñanza da Caeira e Boavista para informarlle dos proxectos de mobilidade e servizos programados

28/02/2026

A reunión será o xoves 5, ás 20.00 horas, no local do Liceo Casino.

O Concello de Poio reunirase coa veciñanza da Caeira e Boavista para informarlle do plan integral de mobilidade e servizos previstos para mellorar a calidade de vida das persoas residentes na zona.

O alcalde, Ángel Moldes, sinala que o obxectivo deste encontro é explicar polo miúdo o cronograma e os proxectos cos que conta o Goberno local para investir nunha zona de San Salvador castigada especialmente nas últimas décadas e que precisa dun plan integral de actuación.

A reunión informativa será o xoves, día 5 de marzo, ás 20.00 horas nas instalacións do Liceo Casino da Caeira. É unha sesión aberta á participación de toda a veciñanza.

Entre os proxectos inminentes inclúese a mellora do entorno das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, que se incluirá no Plan +Provincia e que prevé un investimento de 800.000 euros e que solucionará os problemas de pavimentos deteriorados e deficiencias na accesibilidade para adaptar o espazo ás necesidades actuais da veciñanza. Ademais, poñerase en valor o espazo infantil e deportivo que hai no lugar para converterlo nun punto de encontro interxeracional.

Tamén se dará conta dos proxectos incluídos no Contrato de Auga do Concello de Poio, que está en proceso de licitación, e que inclúe investimentos nas rúas Illa de Ons, Illa de Tambo, Río Miño e San Antoniño. Estas actuacións non só mellorará os servizos básicos, coa instalación de redes de saneamento, abastecemento e pluviais, senón que tamén inclúen reposición do firme e beirarrúas.

A maiores, tamén deu conta das actuacións realizadas en convenio con Zoe Home e o Club de Tenis de Poio para mellorar o saneamento e pluviais na Caeira e Boavista, cun investimento de 72.026,00 euros.

Con esta reunión, explica Ángel Moldes, búscase que todas as persoas interesadas e que residen neste lugar coñezan polo miúdo e de primeira man un plan que vai mellorar de xeito importante a calidade de vida das persoas residentes nestes núcleos. “Os veciños son os que van convivir diariamente coas actuacións que se leven a cabo nesta estrada, e por iso consideramos que é fundamental que coñezan o proxecto e que poidan atopar resposta a todas as dúbidas que poidan xurdir”, engade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio