Moita decoración e ambiente festivo nas rúas de Combarro no Día de Colón máis participativo

25/05/2026

A chegada de Cristóbal Colón e da súa tripulación sobre a nao Santa María deron o pistoletazo de saída a dous días de festa nas que non só se defende a procedencia galega do navegante, senón que se aposta por unha programación variada, atractiva e de calidade para toda a familia coa que encher de vida as rúas nunha aposta clara pola dinamización socioeconómica do municipio.

Rúas engalanadas, ambiente medieval e moita animación para render homenaxe a Cristóbal Colón en Combarro. O Día de Colón ofrece durante dous días unha programación variada e pensada para toda a familia, coa que non só se reivindica a teoría da orixe galega do navegante, senón que tamén se impulsa a dinamización social e económica do municipio.

Aínda que o mercado artesanal na Praza da Chousa comezou ás 17.00 horas, non foi ata as 19.30 horas coa chegada da Nao Santa María con Cristóbal Colón e a súa tripulación cando o auténtico ambiente medieval encheu cada rúa de Combarro, acompañados de músicos e moita animación.

Mundo Nores, fundador de Vides Novas e unha das persoas que participaron e se implicaron desde os inicios da celebración do Día de Colón, foi o encargado de dar lectura ao pregón, ao que continuaron bailes medievais da asociación Leucoíña, unha das agrupacións organizadoras do Día de Colón, xunto con Combrus, Vides Novas e o Concello de Poio, exhibición de cetrería e o espectáculo de lume.

O alcalde, Ángel Moldes, que participou no arranque da festa, subliñou que para Combarro e para Poio contar cun evento destas características supón unha oportunidade e un retorno económico e social moi importante. Ademais, presumiu de ser “a edición do Día de Colón máis participativa que se recorda desde os seus inicios” e puxo en valor que este ano “contamos con dúas embarcacións que acompañan a chegada de Colón, facendo da celebración un evento aínda máis especial. Cada ano son máis os colectivos que participan nas actuacións, nos postos de comida e nas exposicións, e iso é fundamental para o éxito da festa”.

Neste senso, sinala que “o Día de Colón busca defender a teoría do Colón galego e, ao mesmo tempo, fomentar a participación e o desenvolvemento socioeconómico do evento. Xa podemos comprobar o impacto positivo da celebración, con establecementos completos tanto para comidas como para ceas durante o sábado. Queremos que sexa unha festa distinta, temática e pensada para que a xente disfrute de Poio, de Combarro e de todas as actividades programadas”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio