“Miúdo Teatro”, a aposta do Concello de Poio para achegar o mundo escénico á rapazada este verán

03/06/2026

O campamento teatral, dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, permitirá crear unha compañía propia e representar unha adaptación de “Romeo e Julieta”, de Shakespeare.

O Concello de Poio volve apostar este verán polo teatro como ferramenta educativa, creativa e de socialización coa segunda edición de “Miúdo Teatro”, un campamento dirixido a rapazada de entre 7 e 12 anos no que os participantes crearán a súa propia compañía teatral para levar á escena unha adaptación de “Romeo e Julieta”, de William Shakespeare.

A actividade celebrarase do 22 ao 30 de xuño no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, coincidindo coa finalización do curso escolar. Tras a boa acollida da experiencia desenvolvida o pasado ano baixo o nome de Teatreirxs, na que se representou Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, nesta edición amplíanse ata 20 as prazas dispoñibles.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou esta iniciativa acompañado da concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e das persoas responsables do proxecto. Durante a presentación destacou que o obxectivo principal é que a rapazada descubra de primeira man todo o que implica formar parte dunha compañía teatral, participando activamente en cada unha das fases do proceso creativo.

Así, ao longo do campamento haberá tempo para interpretar, crear, xogar, improvisar, imaxinar e expresarse, nunha proposta que vai moito máis alá da representación final dunha obra. A través dunha metodoloxía participativa, próxima e adaptada ás idades dos participantes, fomentarase a creatividade, a autonomía e o traballo en equipo.

Ademais, un dos eixos fundamentais da actividade será o uso do teatro como vehículo de comunicación, socialización e expresión en galego. O proxecto busca crear un espazo de convivencia baseado na igualdade, o respecto e a participación, favorecendo o desenvolvemento das habilidades sociais e emocionais da rapazada.

O programa inclúe sete sesións en horario de 9.30 a 13.30 horas. Durante esas xornadas, os nenos e nenas realizarán xogos de expresión corporal e dramatización, traballarán a creatividade e a espontaneidade, achegaranse á lectura e análise de guións e coñecerán o funcionamento dunha compañía teatral e dos seus equipos artísticos e técnicos. Tamén participarán na creación da escenografía, o vestiario e a maquillaxe, realizarán ensaios, deseñarán o cartel da obra e culminarán a experiencia coa representación aberta ao público.

A participación é gratuíta. As inscricións abriranse este luns, 8 de xuño, e deberán formalizarse a través do correo electrónico cultura@concellopoio.org, indicando o nome completo do neno ou nena, idade, teléfono de contacto da persoa responsable e enderezo. Terán preferencia as persoas empadroadas ou escolarizadas no municipio, así como aquelas cuxos proxenitores desenvolvan a súa actividade laboral en Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio