Mellora da seguridade viaria na Avenida de San Xoán coa modificación do paso de peóns e a instalación dunha nova luminaria

09/01/2026

O alcalde, Ángel Moldes, explica que esta actuación enmárcase nun plan progresivo para actuar, pouco a pouco, en todos os pasos de peóns da PO-308 ou, cando menos, nos máis transitados de cada parroquia, desde A Barca ata Raxó.

O Concello de Poio mellora a seguridade viaria na Avenida de San Xoán modificando o paso de peóns e instalando unha luminaria de poste co obxectivo de mellorar a visibilidade e, por tanto, incrementar a seguridade das persoas que cruzan unha das vías con maior intensidade de tráfico do municipio e nun dos puntos nos que xa se teñen rexistrados varios accidentes.

Ademais da colocación da nova luminaria, o alcalde Ángel Moldes explica que o paso de peóns foi desprazado uns metros, unha medida que permite mellorar as condicións de visibilidade tanto para peóns como para condutores. Con esta intervención, o Concello dá resposta ás peticións realizadas polos veciños e polos negocios da zona, que demandaban unha solución para incrementar a seguridade neste punto da avenida.

Segundo avanzou, esta actuación enmárcase nun plan progresivo para actuar, pouco a pouco, en todos os pasos de peóns da PO-308 ou, cando menos, nos máis transitados de cada parroquia, desde A Barca ata Raxó. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria e reducir riscos en puntos con elevada circulación de vehículos.

Neste sentido, lembra que nas obras que actualmente están a desenvolver o Concello de Poio e a Xunta de Galicia na Avenida da Barca xa está contemplada a mellora da visibilidade dos pasos de peóns, co fin de garantir unha mobilidade máis segura tanto para peóns como para condutores.

Desde o Concello destacan que este tipo de actuacións forman parte do compromiso do Goberno local coa seguridade e coa mellora continua das infraestruturas viarias en todas as parroquias do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio