MARGA CALDAS RECLAMA Á XUNTA MÁIS INVESTIMENTOS E OBRAS PARA A MELLORA DA PO-308 TRAS REXISTRARSE NO ANO 2022 MÁIS DE 200 ACCIDENTES DE TRÁFICO, INCLUÍNDO UNS 70 FERIDOS E TRES FALECIDOS

12/01/2024

2023.

A concelleira de Seguridade Cidadá, a nacionalista Marga Caldas, compareceu este luns en Combarro para analizar o alto índice de sinistros que rexistra a PO-308 ao seu paso por Poio. Así o reflicte un informe elaborado pola Policía Local, no que se constata que 2022 foi o peor ano en canto a número de accidentes, feridos e falecidos desde 2017. A edil do Goberno local advertiu de que só durante o pasado exercicio o corpo de seguridade municipal contabilizou máis de 200 accidentes de todo tipo, o que supón o 80% de todos os rexistrados en todas as vías do municipio. Se ben a meirande parte só provocaron danos materiais, rexistráronse 69 feridos de carácter leve, tres de gravidade e outros tantos falecidos.

Sobre este último punto, Caldas puntualizou que dous destes falecementos tiveron lugar en tramos urbanos da vía de titularidade da Xunta de Galicia, na avenida de Andurique e en San Xoán. “Habería tamén que engadir o accidente mortal que tivo lugar no Covelo (Samieira) dentro de 2022, se ben aí as dilixencias foron responsabilidade da Garda Civil de Tráfico”, explicou.

A concelleira de Seguridade Cidadá definiu como “alarmantes e moi preocupantes” estes datos, que deixan claro que a PO-308 está lonxe de ser unha vía segura. Marga Caldas ten claro que Poio precisa de moitos máis investimentos e actuacións de mellora da estrada no que a seguridade se refire. “Así o demostran as cifras, que deixan claro que neste 2022 aumentaron os accidentes, as persoas feridas e os falecidos”. Caldas Moreira entende que as obras efectuadas pola Consellería de Infraestruturas no tramo da PO-308 ao seu paso por Poio son “insuficientes” e lamenta “a dobre vara de medir” da Xunta de Galicia. “Nestes seis anos, mentres que en Sanxenxo a PO-308 xa está totalmente reformada ou executándose grandes actuacións en núcleos como Portonovo na actualidade, en Poio algúns dos puntos máis conflitivos como o centro de San Salvador, entre A Barca e A Porteliña, o núcleo de Combarro ou San Xoán seguen sendo puntos negros polo elevado número de sinistros que se rexistran”, recalca Marga Caldas. Precisamente, a Avenida da Cruz e a Avenida da Costa, en Combarro, son dous dos lugares nos que a Policía Local constata un maior número de accidentes. “Nos últimos seis anos a media de sinistros é superior a 190, cun total de máis de 1.100. En 2017 contabilizáronse 176 e en 2022 pasamos con folgura de 200. É unha tendencia que require de actuacións serias e ambiciosas por parte da Xunta de Galicia, como institución titular da estrada”, subliña a edil de Seguridade Cidadá.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio