Mar e o Concello colaboran na transformación e mellora integral do porto de Covelo, en Samieira

15/05/2026

O alcalde Ángel Moldes e a conselleira Marta Villaverde visitaron a dársena para explicar o proxecto a colectivos e veciñanza.

O Concello de Poio, a Consellería do Mar e Portos de Galicia colaboran no proxecto de mellora integral e transformación do porto de Covelo, en Samieira, no que ambas administracións investirán un total de 450.000 euros. Así o trasladaron esta mañá o alcalde Ángel Moldes, e a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita á dársena na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e na que aproveitaron para explicar as actuacións a veciños e representantes de colectivos locais.

Durante a visita, Moldes destacou que “estamos aquí no Porto de Covelo para dar resposta a unha demanda histórica do noso concello”, lembrando que este proxecto “comenzou coa mellora do porto de Raxó, actuación que xa está totalmente rematada, polo que agora iniciamos os traballos en Covelo”.

A conselleira explicou que Portos de Galicia e o Concello de Poio veñen de asinar un convenio de colaboración para a execución na zona portuaria de Covelo. Este acordo, sinalou, “é o resultado da colaboración institucional entre ambas administracións, Concello e Xunta, para a mellora dun espazo de titularidade portuaria pero de uso xeral polo conxunto da cidadanía”.

O obxectivo destas obras é favorecer a integración porto-cidade, un eixo de traballo permanente para Portos de Galicia dado o uso veciñal e non estritamente portuario de boa parte das instalacións de titularidade portuaria. Con este fin, as obras contemplan a creación dun espazo máis seguro e accesible, que garanta a continuidade dos itinerarios peonís e ordene o tráfico, reforzando o papel do porto como centro turístico, residencial e hostaleiro.

Neste sentido, o alcalde subliñou que “queremos preparar todo este entorno para acometer unha transformación integral que era unha demanda histórica dos veciños de Samieira e Covelo”. Tamén destacou que “con esta actuación imos dar prioridade aos peóns e poñer en valor todo o entorno portuario”, co obxectivo de “permitir que tanto veciños como visitantes desfruten dun espazo de convivencia e ocio compatible coa actividade profesional da pesca”.

Moldes engadiu ademais que “en Galicia os portos son xa espazos compartidos entre a actividade pesqueira e o uso social e turístico, e Covelo será un exemplo máis desa transformación”.

A intervención prevé a reordenación completa do vial mediante a creación dunha plataforma única, que permita eliminar barreiras arquitectónicas e favorecer unha circulación máis accesible e segura. A zona de rodadura e a peonil quedarán diferenciadas mediante unha rigola prefabricada, encargada da recollida de augas pluviais e da súa condución á rede de colectores. Tamén se levará a cabo a renovación do firme.

De forma paralela, melloraranse os sistemas de drenaxe nas praias de Covelo e Area da Barca, dirixindo as augas cara ás zonas de escollera e rocha para minimizar impactos e molestias ás persoas usuarias.

O proxecto complétase coa instalación dunha varanda ao longo do fronte litoral ata a ponte do Rego de Covelo, co fin de reforzar a seguridade e facilitar o tránsito peonil continuo pola fachada costeira. Ademais, renovaranse os elementos de iluminación pública coa instalación de 21 novas luminarias, incluíndo columnas troncónicas e a súa cimentación correspondente.

2,1 millóns para Combarro

Durante a súa visita a Covelo, a conselleira trasladou ademais os avances na tramitación das obras dos departamentos de usuarios do porto de Combarro. Portos de Galicia iniciou o mércores a segunda licitación das obras para a renovación dos tres edificios que albergan un total de 28 departamentos de usuarios, logo de que o primeiro concurso, cun importe de licitación de 1,4 millóns, quedase deserto.

A nova licitación reforza notablemente o investimento do ente público nesta actuación, cun orzamento base de 2,1 millóns de euros.

A conselleira resaltou que esta obra, financiada con fondos Fempa, mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto de Combarro e dará resposta a unha demanda reiterada da confraría de pescadores.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles na plataforma Contratos de Galicia, no perfil do contratante e na páxina web oficial de Portos de Galicia. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 8 de xuño.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio