No conxunto da convocatoria, este ano repartiranse a través destas axudas máis de 33.000 euros entre 20 clubs e deportistas.
O Concello de Poio deu luz verde nas últimas dúas semanas ao pago de 20.000 euros en axudas a clubs e deportistas locais, ao abeiro das subvencións anuais que outorgan anualmente por concorrencia competitiva e de xeito transparente. A Xunta de Goberno local aprobou así as xustificacións presentadas por Triatlón Poio, Club Saraiba, Peña Racing, Club deportivo grupo 7 a 9, Escola de Piragüismo Poio, Poio Bike Clube, Sociedade Cultural Deportiva Poio, Iria Tilve e Lorena Nieto, para cofinanciar a súa actividade deportiva e proceder ao pago das axudas municipais.
A través destas axudas que se convocan anualmente desde o Concello de Poio, repartiranse este 2025 en conxunto máis de 33.000 euros entre un total de 20 clubs e deportistas locais. O programa inclúe tres liñas de subvencións, destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, sinala que “estas axudas son unha ferramenta fundamental para apoiar o tecido deportivo local e recoñecer o esforzo dos clubs e deportistas que levan o nome de Poio dentro e fóra de Galicia”. Así mesmo, subliñou que “desde o Concello seguiremos traballando para fortalecer o deporte de base e federado, porque entendemos que é un piar esencial para a saúde, a educación e a convivencia”.
Estas axudas son compatibles con outras subvencións ou ingresos procedentes doutras entidades públicas ou privadas, e poden destinarse a sufragar gastos como licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.