Luz verde ao novo contrato da auga de Poio: mellora na calidade do servizo e 15,4M€ en investimentos

29/10/2025

Terá un valor estimado de 54,8M€ e as empresas terán 45 días para presentar as súas ofertas. Ángel Moldes afeou á oposición as súas “mentiras” sobre o contrato da auga e defendeu a transparencia do proceso. No pleno tamén se aprobou reducir a débeda cos bancos en 1,2M€ máis, o que supón que desde o ano 2023 se reduciu nun 40%.

O Pleno do Concello de Poio aprobou o inicio do procedemento para adxudicar o novo contrato da auga, que permitirá mellorar a calidade do servizo e executar investimentos por valor de 15,4 millóns de euros en obras de ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio.

“Este Goberno comprometeuse a desbloquear os problemas reais de Poio, e avanzar neste contrato é avanzar no crecemento do noso municipio”, destacou o alcalde, Ángel Moldes.

A adxudicación do contrato realizarase por procedemento aberto, seleccionando a oferta con mellor relación calidade-prezo. As empresas disporán de 45 días para presentar as súas propostas. O contrato terá unha duración de 25 anos, necesario para que o concesionario poida recuperar os investimos que deberá realizar nos primeiros catro anos de contrato. O valor estimado do contrato ascende a 54,8M€.

Durante os dous primeiros anos da concesión non se aplicarán cambios nas tarifas. A partir do terceiro ano prevese unha actualización do 34%, que inclúe a revisión do IPC acumulado desde 2014 (27%) e o IVE (10%). Esta actualización coincidirá co momento no que a maior parte dos investimentos estean executados e os fogares comecen a percibir as melloras no servizo. Nesta liña, o alcalde preguntou á oposición si eles serían capaces de sacar un contrato novo sen actualizar o IPC e aplicar o IVE. “O que non sabemos, despois de que malgastasen 50.000 euros en estudos de custes durante a súa etapa que non serviron para nada porque estaban invalidados, é que recibo contemplaban porque, casualmente, eses arquivos non aparecen por ningún lado”, sinalou.

Por iso, durante a súa intervención lamentou que a oposición intente manipular con mentiras á veciñanza. “Hai uns días nas votacións das comisións abstivéronse e alegaron nos medios que non lles dera tempo a analizar ben os datos. Pero iso non impediu que xa levaran semanas reuníndose cos veciños e veciñas aportando datos que son mentira. Nin se cobra polos pozos, nin hai subidas do E a maior das evidencias é que nin vostedes son capaces de coincidir nas cifras”, afeou.

REDUCIÓN DA DÉBEDA COS BANCOS NUN 40% DESDE O ANO 2023

No pleno tamén se aprobou unha operación de amortización anticipada da débeda municipal por importe de 1,2 millóns de euros, o que permite rebaixar a débeda cos bancos ata os 4,8M€, segundo indicou o alcalde, un 40% menos do que herdou do anterior mandato.

Esta medida enmárcase, segundo explica o alcalde Ángel Moldes, nunha estratexia de rigor orzamentario e boa xestión económica que o Goberno local vén aplicando desde a súa chegada ao concello no ano 2023.

Desde entón, recorda que xa conseguiron reducir a débeda de 8M€ a 4,8M€, pero tamén pagaron máis de 1,6M€ en facturas pendentes de pago herdadas do anterior mandato e sen consignación no orzamento municipal. E todo isto, sinalou, sen recortar servizos públicos nin renunciar a investimentos clave para o municipio.

O INFORME DA INTERVENCIÓN CONFIRMA QUE A VIAXE A MADRID INCLÚESE NAS FUNCIÓNS DA ALCALDÍA

Durante o pleno, Ángel Moldes tamén quixo expoñer o informe da intervención municipal que sinala que a viaxe a Madrid realizada polo alcalde en xuño inclúese nas funcións de representación de Alcaldía no exercicio do cargo, referíndose así ás convocatorias da FEMP dirixidas aos representantes das entidades locais e que se recibiron a través das canles oficiais de comunicación co Concello de Poio. Ademais, Moldes reiterou que eses billetes de avión, de ida e volta en turista a Madrid custaron preto de 500 euros. “Nin houbo malversación nin houbo despilfarro”, destacou, e puxo como exemplos gastos do anterior Goberno a Madrid por 400, 500 e incluso 700 euros. “Este Goberno terá moitos erros, pero é un Goberno austero. Nin o alcalde nin os concelleiros pasarán gastos por desprazamentos a reunións en Santiago, como moitas das que se rexistraban aquí anteriormente, chegando a haber incluso gastos de 100 euros en taxi por traslado ao aeroporto”, engadiu.

MODIFICACIÓN DA RPT PARA MELLORAR A EFICIENCIA E ORGANIZACIÓN DO CONCELLO

Outro dos puntos a tratar durante a sesión de outubro foi a modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Poio, unha modificación que pretende mellorar a eficiencia e organización dos empregados municipais. Así, entre outras cuestións, créase unha praza nova de técnico de cultura e deporte, respondendo así á necesidade de pasar dunha xestión cultural reactiva e deportiva a unha planificación estratéxica, profesional e transversal, para potenciar a cultura e o deporte como motor de cohesión social, identidade local e dinamización económica. Ademais, crearase tamén o posto de técnico en xestión ambiental, con competencias en materia de medio ambiente.

Na área de seguridade, proponse o cambio de provisión da praza de inspector de policía local do Concello de Poio de concurso por mobilidade e inclúe un incremento do corpo da policía buscando a profesionalización da estrutura coa creación dunha praza máis de oficial de policía local, coas mesmas funcións, condicións de traballo e retribucións que a xa existente no cadro de persoal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio