Luz verde á rehabilitación do antigo hotel Covelmar, no Covelo, que terá unha nova vida como establecemento hoteleiro despois de 10 anos abandonado

16/10/2025

A Comisión de Urbanismo aprobou o anteproxecto presentado polos novos propietarios, que creará 86 prazas de aloxamento e 20 de aparcamento e mellorará a seguridade e imaxe de toda a zona. Veciños e viandantes levaban anos advertindo do deterioro do edificio en mans da Sareb, con desprendementos e inseguridade, o que levou ao Goberno actual a impoñer multas coercitivas e impulsou a nova etapa do inmoble.

A concelleira de Urbanismo de Poio, Rocío Cochón, visitou o edificio do antigo Hotel Covelmar, no Covelo, que será restaurado e terá unha nova vida como establecemento hoteleiro despois de máis de 10 anos de abandono en mans da Sareb.

A Comisión de Urbanismo deu luz verde á viabilidade deste proxecto, que para Cochón supón “unha excelente noticia en moitos aspectos: para o urbanismo e o turismo de Poio, xa que se recupera un inmoble abandonado para reforzar o sector hostaleiro local; pero tamén para a propia imaxe do concello e para a seguridade e tranquilidade dos veciños da zona”.

Neste sentido, recordou que inmediatamente despois de chegar ao goberno local, veciños e visitantes contactaron co departamento de Urbanismo con queixas e preocupación polos desprendementos da fachada e o estado de deterioro do edificio, nese momento propiedade da Sareb. A situación xa fora comunicada ao anterior Goberno municipal, que se limitara a realizar apercibimentos.

Pola contra, en xullo de 2023, recén entrado o novo goberno, desde Urbanismo requiriuse á Sareb que realizase os arranxos necesarios para garantir a seguridade, ou do contrario se lle imporían elevadas multas coercitivas. Finalmente, e despois de recibir varias sancións por este concepto, a Sociedade estatal procedeu a vender o edificio aos novos propietarios, que xa presentaron un anteproxecto para a rehabilitación da fachada e do interior. Desta maneira crearanse 86 prazas de aloxamento e 20 espazos de aparcamento e mellorará a seguridade e a imaxe exterior do inmoble e do edificio contiguo.

“Este proceso é unha mostra de urbanismo responsable”, destacou a edil, xa que permitirá garantir a seguridade de veciños e visitantes, renovar a imaxe dunha zona moi transitada, a carón da PO-308, e xerar riqueza e emprego contribuíndo á oferta turística do Concello. “Seguimos a converter Poio no mellor lugar para vivir, traballar, investir e visitar, e con actuacións coma esta, ás veces avanzamos neses catro obxectivos a un tempo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio