Cada ano incorporaranse o nome dos artistas que participen no festival impulsado pola Escola de Música de Poio. Ángel Moldes: “É unha satisfacción e un orgullo comprobar como a cultura en Poio continúa medrando”.
Lourido xa conta co seu propio paseo das “Estrelas de rock”, unha iniciativa que nace conxuntamente co espectáculo que esta fin de semana ofreceu a Banda de Música de Poio coa colaboración dos artistas Javier Ojeda e Goar Iñurrieta.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, participaron na inauguración deste paseo que xa conta coas estrelas do festival e cos nomes dos artistas recoñecidos pola súa traxectoria nas bandas Danza Invisible e Cicatriz.
O proxecto nace impulsado pola Escola de Música de Poio coa colaboración do Concello e incorporará en cada edición o nome das persoas que participen no festival. Tras o éxito desta fin de semana, desde a dirección xa adiantan que teñen máis forza e ilusión aínda para comezar a deseñar a segunda edición cara o vindeiro ano.
Pola súa banda, Ángel Moldes destacou que “é unha satisfacción e un orgullo comprobar como a cultura en Poio continúa medrando, e o fai cunha Escola e unha banda integradas por persoas con moitísimo talento pero, sobre todo, con moita ilusión e ganas de seguir avanzando”. Ademais, subliñou que “este paseo nace coa vocación de medrar cada ano e de converterse nun punto de encontro para os amantes da música”, e destacou que “Lourido suma así un novo atractivo cultural e simbólico para veciños e visitantes”.
Por último, desde a Escola de Música fixeron entrega ao Concello de Poio e ás demais entidades colaboradoras dunha edición limitada do gravado “Estrelas do rock”, realizado polo artista Coblan, da galería Art Question.