A cita, que conta coa colaboración de Protección Civil de Poio, será ás 9.30 horas na contorna do campo de fútbol da Reiboa. O Concello fai un chamamento á participación cidadá para evitar que os residuos regresen ao mar.
O Concello de Poio convoca para este sábado, 28 de marzo, unha nova xornada de voluntariado centrada na retirada de plásticos das praias do municipio, unha iniciativa coa que busca frear o impacto ambiental dos residuos arrastrados polos temporais deste inverno.
O alcalde, Ángel Moldes, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, de representantes de Protección Civil e das mariscadoras, achegáronse á Reiboa para animar á participación da familias de Poio e tamén do sector do mar nesta actividade. Moldes destaca a importancia desta acción tras máis dun mes de traballos intensivos nos areais: “Retiramos algas e restos naturais con maquinaria pesada, pero preocupa especialmente a cantidade de plásticos que están chegando á costa. É fundamental impedir que volvan ao mar, e para iso é clave implicar á cidadanía e reforzar a sensibilización sobre a importancia de recoller e reciclar”.
A actividade arrancará ás 9.30 horas na zona do campo de fútbol da Reiboa. Desde ese punto organizaranse grupos de traballo, en función da participación, que actuarán en distintos tramos do litoral, desde Ostreira ata Campelo, pasando por Cabeceira e Lourido. A coordinación correrá a cargo de Protección Civil de Poio.
Desde o Concello recoméndase ás persoas participantes acudir con roupa cómoda, gorra, protección solar, auga e luvas.
Moldes subliñou tamén o valor destas xornadas máis alá da limpeza: “Ademais de retirar residuos, serven para concienciar sobre o impacto dos plásticos no noso medio natural. A súa presenza ten consecuencias moi graves para o marisqueo, as praias e o ecosistema mariño”.
Esta será a segunda iniciativa destas características impulsada polo Concello. Na anterior, celebrada tras os temporais de finais de 2023, participaron arredor de 100 persoas, que lograron recoller preto de tres toneladas de plásticos.