O campamento teatral comezou hoxe en Raxó coa visita do alcalde, que compartiu a primeira sesión cos nenos e nenas participantes.
«Teatreirxs” é a nova proposta do Concello de Poio para a rapazada de 7 a 12 anos do municipio, un campamento para coñecer como funciona o teatro máis alá da interpretación e dos xogos teatrais.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, quixeron acompañar aos nenos e nenas na primeira sesión celebrada hoxe, e destacaron que “esta iniciativa ofrece unha oportunidade única para que a mocidade explore o mundo do teatro desde dentro, asumindo diferentes roles e descubrindo o valor do traballo en equipo, a creatividade e a expresión artística”.
Este campamento teatral desenvolverase ata este venres, 27 de xuño, a través de cinco sesións en horario de mañá. Na primeira, celebrada hoxe, os participantes presentáronse a través de xogos de expresión corporal e dramatización. Traballaron tamén a creatividade e espontaneidade, leron guións e afondaron en conceptos como compañía teatral e equipos técnicos e artísticos, para que cada persoa escolla o seu rol e funcións.
Na segunda sesión darán lectura ao guión escollido, cunha achega de ideas e división de tarefas relacionadas coa escenografía,vestiario e maquillaxe. O terceiro día comezarán os ensaios para o equipo artístico, mentres que o equipo técnico deberá fabricar a escenografía e o vestiario. O penúltimo día será o dos ensaios xerais e probas de vestiario e maquillaxe, así como o deseño do cartaz e a promoción da obra. O campamento culminará o venres cunha representación aberta ao público. Con motivo da conmemoración do Ano Castelao, a obra que representarán será Os vellos non deben de namorarse.
Un dos principais obxectivos desta actividade é empregar o teatro como vehículo de comunicación, socialización e expresión en galego. A actividade promove unha participación activa, na que a rapazada toma as súas propias decisións e achega ideas, fomentando un espazo de convivencia en igualdade e respecto, e desenvolvendo habilidades sociais. Con “Teatreirxs”, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa cultura, a lingua galega e a educación artística da infancia, ofrecendo espazos de creación colectiva e crecemento en igualdade. Así, si o ano pasado a aposta era apoiar o talento musical da mocidade a través do proxecto Poio Sesións, nesta ocasión queren espertar o gusto pola interpretación e o teatro en todos os seus eidos.
Leucoíña Pasea desenvolve esta actividade, que está cofinanciada entre o Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra, dentro das axudas provinciais para promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega.