A Fundación Ecopilas recoñece a participación do municipio na campaña «Reciclar ten premio seguro», que permitiu recoller 180 quilogramos de pilas. É un dos tres municipios de España que máis pilas reciclaron a través desta iniciativa que se desenvolveu nas saídas e chegadas de cada etapa.
O Concello de Poio recibiu esta mañá o recoñecemento da Fundación Ecopilas tras ser un dos tres municipios de toda España que máis pilas reciclaron durante as etapas de La Vuelta, a través da campaña “Reciclar ten premio seguro”.
O acto contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Dominguez, e do presidente da Fundación Ecopilas, José Pérez García. Moldes subliñou que La Vuelta a España supuxo unha experiencia extraordinaria para Poio, proxectando o municipio como un auténtico referente deportivo, turístico e organizativo, cun modelo moderno e preparado para acoller grandes eventos. Foi unha cita histórica, cun impacto económico e social moi relevante, que se viviu cun ambiente excepcional nas rúas e cunha implicación exemplar da veciñanza. Unha actitude responsable e participativa que, segundo indicou o alcalde, se trasladou tamén ao ámbito medioambiental.
En total, recolléronse en Poio 180 quilogramos de pilas durante a saída de La Vuelta desde Combarro, acadando así o terceiro posto a nivel estatal nesta iniciativa, un dato que reforza o compromiso do Concello coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente.
O alcalde sinalou que este é un recoñecemento ao compromiso e á implicación da veciñanza de Poio que tamén encaixa coa aposta do Goberno por integrar o deporte, a concienciación medio ambiental e a participación na organización de grandes eventos, “demostrando que é posible medrar, atraer actividade e xerar impacto económico sen renunciar ao respecto pola contorna”.
Durante o acto de recoñecemento, a Fundación Ecopilas fixo entrega ao alcalde dunha placa conmemorativa e anunciou, ademais, o reforzo da rede de recollida de pilas no municipio, coa instalación de novos contedores en dependencias municipais e establecementos comerciais.
Desde o goberno municipal quixeron agradecer de maneira especial a implicación e colaboración da Fundación Ecopilas, así como a resposta solidaria e comprometida da veciñanza. O Concello reafirma o seu compromiso de seguir traballando para que Poio continúe avanzando como un municipio sostible, responsable e preparado para afrontar os retos de futuro.