O municipio vivirá unha xornada histórica que combinará deporte de élite, proxección internacional e participación cidadá, cun forte impacto económico e mediático. Animan á veciñanza e visitantes a encher as rúas, vivir o ambiente da carreira e participar nun evento único.
Poio vivirá este martes, 9 de setembro, unha xornada histórica coa saída da etapa 16 da Vuelta Ciclista a España, un evento que mobilizará a máis de 3.000 persoas, entre corredores, organización e medios acreditados.
O municipio converterase durante unhas horas en protagonista do ciclismo mundial, acollendo un dos eventos deportivos de maior impacto internacional. A cita terá unha gran repercusión mediática e económica moi importante, e será unha excelente plataforma para poñer en valor o potencial turístico, cultural, social e organizativo de Poio. Segundo recoñece o alcalde, Ángel Moldes, “non se trata unicamente de un evento deportivo, é unha oportunidade única de proxección nacional e internacional que vai xerar beneficios a múltiples niveis. O evento terá un importante impacto económico, turístico e mediático, e suporá un escaparate único para amosar ao mundo o noso patrimonio, a nosa cultura e os nosos sectores produtivos locais”.
Ademais, unha das grandes vantaxes para o municipio é que o luns 8 será xornada de descanso de La Vuelta, o que supón que tanto a organización como os equipos instalaranse en Poio desde o día anterior. Isto permitirá unha maior presenza mediática, máis visibilidade para o municipio e unha chegada progresiva de visitantes e profesionais, cun impacto económico e turístico directo que se prolongará máis aló da propia etapa.
SAÍDA INTERNACIONAL DESDE A PRAZA DA CHOUSA
A etapa partirá ás 13.05 horas desde a Praza da Chousa, onde se instalará o dispositivo principal de saída, incluíndo os aparcadoiros dos equipos, as zonas técnicas, o control de firmas dos equipos e 14 stands de patrocinadores oficiais. Aproximadamente dúas horas antes, iniciarase o percorrido da caravana publicitaria de La Vuelta, composta por 22 vehículos, que atravesará a PO-308 desde Combarro ata A Barca, pasando por San Xoán e San Salvador.
A repercusión mediática será enorme: están acreditados máis de 1.000 xornalistas e fotógrafos, pertencentes a 305 medios de comunicación de todo o mundo. A retransmisión chegará a 190 países, cunha media de 1 millón de espectadores por etapa, o que supón unha oportunidade incalculable para reforzar a imaxe de Poio a nivel internacional.
“É unha oportunidade única para demostrar a nosa capacidade organizativa e proxectar Poio ao mundo. Queremos que esta xornada quede na memoria colectiva como un día de orgullo e celebración para todos os veciños e veciñas”,afirma Moldes, que recorda que sen o apoio incondicional e patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, sería impensable este fito histórico.
PREPARATIVOS E PARTICIPACIÓN CIDADÁ
O Concello de Poio leva semanas ultimando os preparativos do evento, e coordinando coa Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil os cortes e desvíos de tráfico necesarios para garantir o correcto desenvolvemento da etapa, que serán notificados aos centros de ensino e publicados nas redes sociais do concello. Neste senso, chaman á colaboración da cidadanía para facer os desprazamentos estritamente necesarios e utilizar vías alternativas á estrada autonómica. O dispositivo de seguridade de La Vuelta mobiliza arredor de 8.000 efectivos en todo o Estado, garantindo a protección dos corredores e do público.
Ademais, durante os días previos, xa se están a desenvolver actividades paralelas para involucrar á cidadanía e crear un ambiente festivo. O municipio vístese de gala con decoracións en rúas, rotondas e edificios públicos, mentres que propostas como a ruta ciclista «Pedalea con La Vuelta», que se celebra este sábado, buscan implicar a todos os públicos e fomentar o deporte.
CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN VECIÑAL
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza e visitantes a encher as rúas, vivir o ambiente da carreira e participar nun evento único na historia de Poio. “Temos por diante unha ocasión irrepetible para amosar ao mundo os encantos de Poio. Está sendo moi grande o interese e expectación que está espertando na veciñanza, e queremos que este luns e martes sexan unha auténtica festa para todos”, engade.
Desde Poio La Vuelta poderá vivirse na Praza da Chousa, no paseo das Redeiras e no Porto de Combarro, onde se poderán ver os equipos e ciclistas preparándose, e na PO-308, entre Combarro e A Barca, para disfrutar do paso do pelotón e do ambiente festivo da caravana publicitaria.