Desde o Concello de Poio apóstase firmemente por poñer en valor á xente de aquí, veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva do pobo.
O veciño de Campelo Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio, será o encargado de dar o pregón das Festas de San Xoán 2026 e de marcar o inicio dunha das citas máis esperadas e emblemáticas do calendario festivo local, que se celebrará do 22 ao 27 de xuño.
Juan Mariño recoñece que asume este reto “con moita responsabilidade”, polo significado especial que ten o San Xoán tanto para el como para toda a veciñanza do municipio, e tamén “moi agradecido”, ao sentir este nomeamento como unha mostra de cariño e recoñecemento á súa traxectoria e ao seu traballo musical. “Sempre é un orgullo maior cando este tipo de recoñecementos chegan desde o teu propio concello”, destaca.
Desde o Goberno local lembran que desde hai tres anos apostan por escoller como pregoeiras e pregoeiros persoas cunha vinculación real e directa co municipio e coa tradición do San Xoán. Trátase de poñer en valor á xente de aquí, veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva de Poio. Deste xeito, Juan Mariño súmase a Pilar Martínez e Rafa Cabeleira, protagonistas dos pregóns nas edicións de 2025 e 2024, respectivamente.
Mariño explica que aínda está a darlle voltas ao contido do pregón, pero avanza que non faltarán referencias á Escola de Acordeóns nin tampouco lembranzas e anécdotas ligadas á festa. “San Xoán é a festa da casa, a que representa a todo o concello. O paso da banda de música por Campelo, a fogueira, as trastadas coas cancelas e coas macetas, a festa no Campillo… Son moitos e moi bos os recordos que gardamos”.
A Escola de Acordeóns de Campelo-Poio naceu no ano 1980, converténdose na primeira escola exclusivamente deste instrumento en Galicia. A proximidade da súa casa á escola espertou o seu interese polo acordeón e pola música en xeral. Formouse na propia escola, integrouse posteriormente nun grupo e nunha orquestra e, como el mesmo lembra, sempre levou “o nome de Campelo e de Poio con orgullo alí onde tocábamos”.
En 1985, con apenas 5 anos, comezou a súa etapa na escola como alumno. Desde 1997 é profesor e agora tamén director. Toda unha vida dedicada a este centro, asumindo novos retos e desafíos. Entre eles, espertar o interese e o gusto polo acordeón entre a xente máis nova. “Intentamos motivalos con cancións máis actuais, combinándoas coa música tradicional, para que vaian descubrindo que hai moitos estilos diferentes”, explica.
Na actualidade, a escola conta cunha canteira pequena pero consolidada, con alumnado que comezou con apenas seis anos e que hoxe xa supera a vintena. As alumnas máis novas teñen seis e oito anos, pero tamén hai rapaces e rapazas de doce e trece, o que permitiu consolidar nos últimos anos un grupo específico de xente moza. “Queremos que sexan unha referencia e que tamén axuden a atraer novos músicos”, sinala.
A lectura do pregón terá lugar o luns 22 de xuño, ás 21.00 horas, desde a casa consistorial. O Concello de Poio agradece a Juan Mariño a súa disposición para compartir este momento con toda a veciñanza e celebra unha elección que reforza o carácter participativo, popular e emotivo dun San Xoán que forma parte esencial da identidade do municipio.